Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Xoves 23.05.2013  | Actualizado 12.28

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Banqueiros baixo sospeita

XOSÉ A. GACIÑO  | 07.07.2012 
A- A+

Empezou con Lehman Brothers e quen sabe se non rematará con Novacaixa Galicia, por poñer un exemplo das últimas actividades xudiciais en torno a presuntas irregularidades bancarias. Tantas voltas cos recortes de gastos sociais para rebaixar o déficit público, e de repetir a ladaíña de ter gastado o que non se tiña, vivindo por enriba das posibilidades, como para convencernos de que a culpa de ter a economía europea ao bordo do abismo era dun excesivo gasto público e dun consumo cidadán incontrolado, e a realidade vólvenos ao punto de partida: houbo bancos importantes (os máis importantes de Estados Unidos) que manipularon os seus produtos financeiros e enganaron aos seus clientes, promovendo burbullas especulativas, cuxo estoupido fixo crebar a estrutura do crédito, iso que din que é o sangue do sistema económico vixente, pero que se deixa nas mans de calquera irresponsábel.

Daqueles bancos norteamericanos, que sacaban ouro do lixo hipotecario hai cinco anos, a intoxicación pasou aos bancos europeos, protagonistas (sobre todo en España) da actual fase da crise. Efectivamente, despois de pasar catro anos asegurando que o sistema financeiro español era o más sólido do planeta, pero que había que recortar gastos das comunidades autónomas, das pensións de xubilación, dos subsidios de desemprego e dos salarios dos funcionarios, porque as arcas públicas se baleiraran misteriosamente (o parón na construción e o bloqueo da economía xeral por falta de créditos), hai uns meses que o goberno español descubriu que a banca española non era tan sólida como se cría (como crían eles e o goberno anterior) e que bastaba con facer correctamente a contabilidade para comprobar a verdadeira magnitude diso que chaman os activos tóxicos (por exemplo, toda esa cantidade de vivendas e solares que teñen como en depósito, cunha valoración moi por enriba, isto si, das súas posibilidades, á espera de que algún día volvan subir de prezo).

Xa houbera avisos coa caída da Caixa de Castilla-La Mancha ou a eclesiástica Cajasur, e seguiron Catalunya Caixa e a Novacaixa Galicia, pero a verdadeira bomba foi a de Bankia. Co ex superministro de Economía e ex superxefe do Fondo Monetario Internacional, Rodrigo Rato, ao fronte, a popular (en todos os sentidos do termo, incluído o partidista) Cajamadrid transformárase hai un ano en flamante banco con ostentosa saída á bolsa. Antes de cumprirse un ano de tan celebrado acontecemento, unha auditora internacional empezaba a sospeitar das contas de Bankia. O verdadeiro alcance do burato supertóxico (como corresponde a tan fastosa entidade) foi divulgado aos poucos, como para non impresionar de golpe a toda a cidadanía, quedando fixado finalmente en 23.000 millóns de euros.

O Goberno, despois de terse comprometido a cubrir o que fixese falta, pediu o rescate á Unión Europea para este e para calquera outro banco que o necesite, e nesas anda –en fixar contía e prazos do rescate– cando salta ademais a querela contra todos os compoñentes do pasado consello de administración de Bankia, co seu superpresidente ao fronte. Presentouna o partido Unión Progreso e Democracia, que non tiña ningunha representación nese consello.

En paralelo, os británicos tamén descubriron presuntos delitos dos dirixentes do Barclays Bank para manipular os tipos de interese interbancario, e en Galicia a fiscalía anticorrupción acusaba á cúpula de Novacaixa Galicia de manexos pouco claros nos seus contratos de prexubilación. Como se o exemplo islandés chegase á UE e se puidese pensar que algún banqueiro podería rematar no cárcere.

Quizais quede todo nada máis que nun susto, e ate pode que chegue a ser inhabilitado outro xuíz da Audiencia Nacional, pero algo compensará que haxa polo menos un amago de esixencia de responsabilidades aos que teñen máis posibilidades de ser os causantes da penosa situación da nosa economía.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS