Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 23.05.2013
| Actualizado 12.28
Con tantos recortes no ensino público, este curso 2012-2013 comeza cun novo suplicio para a comunidade escolar, afectada coma os máis débiles polos levados a cabo polo goberno do Estado e o autonómico. Son moitos os que levan protestado, sen éxito, polos recortes no ensino público, que hipotecan o futuro dos fillos das clases máis humildes e o da nación. Porque cun ensino empobrecido, España só pode aspirar a ser un país de agricultores e camareiros, dito sexa con todo o respecto para estes traballadores, cando o que necesita para manter o estado de benestar é xente ben formada, capaz de producir coas modernas tecnoloxías produtos de alto valor engadido competitivos no mercado exterior.
Se alguén coñece a importancia que ten investir no ensino público son os galegos que emigraron, quen desde os países onde estaban mandaron cartos para construír ducias de escolas por toda Galicia, mentres nela o Estado español se dedicaba a poñer impostos polo carro, por matar o porco, polo can, etc. Pois a xente galega, incluso a menos instruída, foi sempre consciente da importancia prioritaria do ensino público.
Sobre o que deben ser os gastos prioritarios, díxome un amigo que lle contaba súa nai que cando era nena tiñan na súa casa unha criada chamada Concepción, que cada vez que acendía o lume na lareira dicía: "Dios dea vista y claridá en alma y cuerpo. Non hai cartos máis [mellor] gastados cós dos mistros, os do gas e o xabrón". E algún dos fillos dos donos da casa, que eran dez, ós que a criada vira nacer a todos, como lle facía gracia o que ela dicía, sempre lle preguntaba: "¿E os do pan, Concepción?". Ó que ela lle contestaba: "Tamén, filliño, tamén". "¿E os da roupa". "Tamén, filliño, tamén". E seguíanlle así cunha ladaíña de cousas que eran imprescindibles para poder vivir. Unha destas sería hoxe o ensino público.
Os que dedicamos a vida profesional a este ensino, mal atendido durante o franquismo e polos gobernos da democracia, tivemos sempre a sensación de que ós gobernantes non lles interesaba instruír a xente do pobo, por ser máis fácil de gobernar manténdoa na ignorancia. Por iso nunca tivo medios para poder evitar o fracaso escolar. E agora cos recortes acaban de afundilo na miseria.
Porque estes aumentan o alumnado por aula, dificultando a atención del polo profesorado, ó que desaniman aumentándolle o número de horas de clase; reducen os profesores interinos, botándoos para o paro; eliminan as clases de apoio ou de reforzo para o alumnado que necesita atención especial, que é cada vez máis numeroso por haber moitos fillos de emigrantes con outras linguas e mal preparados; encarecen os materiais escolares coa subida do IVE; mesturan alumnos de diferentes idades, entorpecendo a ensinanza; desmotivan o profesorado, ó rebaixarlle o soldo, etc.
Cos recortes, en Galicia cerráronse escolas do rural debido á diminución do alumnado, creándose unha situación tan dramática que algúns pais recorreron á busca de familias de fóra con nenos, para non cerrar. E nas provincias de Lugo e de Ourense, as Anpas do Rural, o Sindicato Unións Agrarias e a Federación de Mulleres Rurais de Galicia están clamando ó ceo por esta política discriminadora dos seus fillos, debida á insensibilidade dos gobernantes.
Que no ensino hai que adaptar os medios dispoñibles á finalidade perseguida, coma noutros sectores, toda a comunidade escolar o comprende e admite. Pero o que non se pode admitir é que os gobernantes, para aforrar o que despois malgastan noutras cousas, fagan recortes no ensino dos máis desfavorecidos, polas consecuencias negativas de cara o futuro antes expostas, ademais de ser unha gran inxustiza.
Pois para os bancos o Goberno ten cartos, e cando non os ten pídeos prestados. ¿E que fai para recuperar os que se evaporaron coma por arte de maxia das caixas de aforros, por non teren dono e estaren nas mans de banqueiros e políticos corruptos? ¿Por que llelos perdoa ós ricos cunha amnistía fiscal, e llelos quita ós pobres subíndolles os impostos? ¿Por que non persegue os que escapan con eles de España?
Máis escandaloso aínda é que, coa crise que hai, o fútbol dispoña de tantos millóns para fichar os xogadores máis caros do mundo e pagarlles uns soldos supermillonarios, polos que cotizan un IRPF ridículo, e do que é responsable o ministro Wert, titular de Educación, Cultura y Deportes, quen considera os recortes no ensino público coma meros axustes para melloralo. E encima, varios clubs débenlle á Facenda miles de millóns, que está pagando o pobo coa subida de impostos.
O ministro Wert utiliza o fútbol como opio dos seareiros deste deporte, igual ca fixeron outros. ¿E non lle sairía máis barato darlles marihuana? Porque coas terras abandonadas que hai podíase cultivar a gran escala para calmar as inquedanzas deles sen necesidade de que gastasen gasolina e enerxías ó iren vociferar ós estadios. Pero nin no da droga saben aforrar os deste Goberno. Nin en televisións, empresas estatais inútiles, alcaldes, deputacións, políticos, altos cargos, asesores, coches, choferes, etc. Só saben aforrar no ensino público, e noutras cousas necesarias.
Deixándose de bromas coma a da marihuana e falando en serio do que se está a facer, o ministro Wert acaba de subir o IVE cultural do 13 ó 21%, que non é ningunha broma para o ensino público. E segue subvencionando o privado a mancheas, incluídos os centros que separan o alumnado polo sexo, a meirande parte deles do Opus Dei e doutras ordes relixiosas que se dedican ó negocio do ensino dos ricos. E dos que o Tribunal Supremo acaba de sentenciar que, se seleccionan por sexo o alumnado, non teñen dereito ás axudas dos concertos educativos. En cambio, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, considerounos axiña legais. Pero xa leva máis de dous anos sen resolver os recursos contra o Decreto do plurilingüismo de Feijóo, aniquilador da lingua galega no ensino.
Hai moitas outras inxustizas que o pobo sofre a diario, ademais da do ensino público, co que se poden relacionar dalgunha maneira. Por exemplo, a de que un ricacho compre unha luxosa casa de millóns de euros e pague a mesma porcentaxe de IVE (o 8%) có pobre por comprar un pisiño sen ningún luxo. O mesmo ocorre coa compra polos ricos dos coches de alta gama, e dos utilitarios polos pobres. En cambio, un pobre que herda un piso usado dun familiar sen fillos por coidalo, como é habitual entre as familias humildes, tenllo que pagar ó Estado como novo. Porque, por arte do Goberno, o Estado converteuse no herdeiro forzoso dos que non teñen fillos, ademais de no recortador dos dereitos dos pobres. ¿Será este o Estado de Dereito que figura no artigo 1-1 da Constitución co nome de "Estado Social e Democrático de Dereito"?
Se o é, non nolo parece, a pesar de que algúns, cando lles convén, o defenden como a gran panacea que se adapta á perfección en todo á realidade que regula, en vez de consideralo un mero instrumento moi mellorable. E en relación cos recortes realizados no marco legal del no ensino público, de sociais teñen moi pouco, de democráticos menos e de xustos nada de nada.
Neste marco legal, pódese afirmar que estamos a vivir a gran crise dos pobres para negocio dos ricos. E por ser a crise dos pobres, tocoulles vivila ós profesores, pais e alumnos do ensino público. En cambio, os do privado aféitanse para riba. Pois a pesar da crise, este ensino non para de recibir axudas do erario público, especialmente en Galicia. E mentres, os fillos dos pobres corren o risco de non acceder a unha formación digna coma os dos ricos, por non teren cartos para pagar o ensino privado. Pois cun ensino público carente de medios debido ós recortes, é moi difícil que se formen debidamente. E menos no ambiente de inxustizas tan notorias coma as arriba expostas, que producen no alumnado gran impresión por estar na idade do idealismo. Por iso cabe esperar grandes protestas.
No caso de producirse, esperemos que sirvan para que Rajoy deixe de recortar no ensino público, e se vaia a outra parte coa tesoira, xunto co ministro Wert e o seu coterrán Feijóo. Pois ben saben onde hai tea de sobra para cortar sen ser neste ensino.
