Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 18.10.2018 Actualizado 20:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Barcelona, 2017: a derradeira visita de Picasso

JOAQUIM VENTURA  | 26.12.2017 
A- A+

No mundo das exposicións estamos a vivir ultimamente unha espectacularidade que responde a xustificar o labor (aparentemente atento) das administracións públicas, a boa conciencia das empresas patrocinadoras e a xustificación, por riba de todo iso, da promoción turística da cidade que acolle as mostras. A verdade é que o erario público gasta millóns en alta cultura mentres está a negar o pan e mais o sal á cultura do cotiá.

Por iso é de agradecer a iniciativa do concello de Barcelona e do Museu Picasso polas catro exposicións que ata finais de xaneiro, presenta e que poderiamos cualificar de grandes (polo contido) e de peto (polo formato). Ocupan catro asuntos que poderían seren considerados menores pero que ilustran a traxectoria do pintor nacido en Málaga.

Unha delas é “Lucien Clergue, vinte e sete encontros con Picasso” e recolle os traballos fotográficos e documentais deste fotógrafo de Arles co pintor desde que se coñeceron nunha corrida de touros na cidade natal do primeiro en 1953. A segunda delas é “O taller compartido”, que lembra os traballos de estampación de gravados de Picasso que a partir de 1939 –cando chegaron exiliados a París- fixeron nos talleres gráficos Lacourière-Frélaut e La Ruche, entre outros, os seus sobriños José (Fin) e Javier Vilató Ruiz, e o fillo de este, Xavier.

Unha terceira exposición, “Arthur Cravan Maintenant?”, presenta a traxectoria deste particular artista de vangarda e aventureiro inglés hai un século pola Europa continental adiante. Un persoeiro insólito por diversos motivos que precisa, por parte nosa, unha análise que faremos despois de citar a cuarta das exposicións, “1917 Picasso en Barcelona”, plenamente xustificada cando se compren cen anos da derradeira visita que o pintor fixo á cidade onde se formou como artista (que repasaremos máis polo miúdo noutra entrega).

Indo a Arthur Cravan, era o pseudónimo de Fabien Avenarius Lloyd (Lausana, 1887 – Océano Atlántico, 1918). Emparentado con Oscar Wilde, proviña dunha boa familia inglesa. Dotado dunha gran corpulencia, dedicou á súa vida á bohemia, ás artes e ao boxeo. Entre 1912 e 1915 editou, en sentido absoluto, a revista “Maintenant” (da cal saíron cinco números) que el mesmo vendía polas rúas de París. Auténtico “enfant terrible”, tirou contra todos os modernos do seu tempo (incluídos Gide e Apollinaire), coa excepción do pintor fauvista holandés Kees van Dongen. Atreveuse a coller os pinceis e, na galería Bernheim-Jeune, en 1914 presentou corenta obras (hai quen dubida que fose o autor) co heterónimo Édouard Archinard, telas que están presentes na exposición barcelonesa.

En 1915, fuxindo da guerra, deixou París para instalarse –como tantos outros- en Barcelona e esta é unha das dúas circunstancias que xustifican a exposición no Museu Picasso. E na capital catalá, promocionouse como boxeador, a segunda das circunstancias que o vincularían con Picasso, grande afeccionado aos espectáculos populares, entre eles o boxeo.

E nesta condición, en 1916 protagonizou diversos combates contra Jack Johnson, quen fora campión mundial dos pesos pesados entre 1908 e 1915, e o primeiro preto en obter a coroa. O combate máis coñecido –de dimensión lendaria- foi o que os enfrontou na praza de touros Monumental o domingo 23 de abril. Obviamente, Cravan perdeu por KO no sexto asalto pero, tendo previsto filmar o encontro e cobrar por iso, tivo que aguantar para xustificar o mínimo asegurado. En calquera caso, trátase do primeiro “happening” da historia do arte.

En 1917 marchou a Nova York e alí coñeceu a poetisa británica Mina Loy coa quen viviu unha apaixonada relación. Casáronse en México e cando souberon que ela estaba embarazada, decidiron marchar á Arxentina. El adiantouse e durante a travesía caeu ao mar e morreu afogado; ela regresou a Europa para ter a filla que esperaba.

Pero no caso da exposición que se presenta en Barcelona, o asunto non remata en Cravan senón que se estende á traxectoria de Jack Johnson. Persoeiro de gran repercusión popular, viviu como o millonario que era daquela e promoveu a filmación dunha película, “Fuerza y nobleza”, en 1917. E así como Cravan viaxou das artes ao boxeo, Johnson fixo o camiño inverso.                 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS