Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez (esq.), en presenza do histórico dirixente nacionalista X.M. Beiras (centro), no Encontro Irmandiño FOTO: jorge leal |
O BNG atravesa unha situación crítica e necesita rexenerarse. Este é a mensaxe que onte lanzou o ex voceiro nacional, Xose Manuel Beiras durante a clausura da asemblea do Encontro Irmandiño.
A corrente que el lidera abriu onte en Santiago o proceso para constituírse en partido político, que previsiblemente concluirá o próximo 19 de febreiro. Ante o actual voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, Beiras manifestou a súa intención de traballar fraternalmente en torno ó actual proxecto nacionalista. Pero puxo como condición a "rexeneración democrática horizontal" da formación.
Considerou necesario "desarmar o aparello burocrático hoxe ó servizo exclusivo dun grupo que se reproduce e perpetúa" e recuperar a credibilidade do Bloque nacionalista Galego para loitar coa sociedade contra o neoliberalismo. "De non ser así", avisou, "deberemos traballar a prol de reconstruírmos, onde for, a unidade nun novo referente político para ou que todos sexamos necesarios".
Pola súa banda o Consello Nacional do Bloque Nacionalista Galego aprobou "por unanimidade" o programa marco para as próximas eleccións municipais e un informe sobre a situación política de Galicia. Ambos os documentos non foron ratificados polos membros da corrente liderada polo histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, Encontro Irmandiño, ausentes pola celebración dun debate sobre a súa constitución como partido.
Na rolda de prensa posterior á reunión da dirección nacionalista celebrada onte, o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, asegurou que o informe político e o plan de traballo para os próximos meses foi "aprobado por unanimidade", do mesmo xeito que as noventa e sete listas que saíron adiante e o programa marco para os próximos comicios, que, posteriormente, será desenvolvido en cada localidade.
Ó Consello Nacional non acudiu, por segunda vez consecutiva, o Encontro Irmandiño, que celebrou un acto para debater a súa posible constitución como partido político dentro da fronte nacionalista.
De feito, o único "irmandiño" presente na reunión foi o candidato á alcaldía de Teo, Martiño Noriega, tal e como confirmaron a Europa Press fontes do Bloque Nacionalista Galego
Presentarán lista en case todos os municipios
Á marxe desta cuestión, Guillerme Vázquez mostrouse satisfeito do proceso dos nacionalistas de cara ós próximos comicios. Respecto diso, afirmou que o Bloque Nacionalista Galego intentará presentar listas en "case a totalidade dos municipios".
Precisamente con este fin, a dirección nacionalista xa aprobou "un terzo" delas e autorizou a Executiva a "darlles o visto e prace ás candidaturas que se vaian presentando nos próximos días", dado que non está programada outra reunión do Consello ata o mes de marzo.
Supresión das deputacións a prol das comarcas
O programa marco do BNG, aprobado onte sábado, fai fincapé na organización territorial, que os nacionalistas fan pivotar sobre a "supresión das deputacións" e a "institucionalización definitiva das comarcas" como entes supramunicipais.
Con esta reforma, que se enmarca na procura da "racionalización e eficacia administrativa" no actual contexto de crise económica, os nacionalistas tamén se comprometen a reclamar a modificación da lexislación básica en materia local para que "resida" no Parlamento galego a capacidade plena do deseño administrativo das entidades municipais.
Unha reivindicación do Bloque Nacionalista Galego que xa tratou de impulsar no que vai de lexislatura nas cámaras autonómica e estatal e que agora traslada ás teses coas que concorrerá ás eleccións municipais, plasmadas en 66 folios ós que tivo acceso Europa Press. Nelas, tamén pretende impulsar áreas metropolitanas nas zonas de aglomeración urbana "para asumir a xestión conxunta de servizos e incentivar a cooperación". No programa electoral aprobado este sábado polos nacionalistas, o BNG tamén renova o seu compromiso co Pacto Antitransfuguismo como "garantía de vinculación dos cargos públicos co seu electorado e de erradicación da corrupción na política local".
Deste xeito, a formación frontista preséntase como a "alternativa" ás políticas neoliberais -que atribúe o partido socialista e o partido popular- e recalca a "necesidade" de que o proxecto nacionalista "poida sumar cada vez máis representación nos concellos do país".
Outra das ideas fortes da acción do Bloque Nacionalista Galego desde os concellos refírese ó ámbito lingüístico. De feito, o Bloque compromete "unha partida específica" dentro das contas municipais para accións de normalización, á vez que promete "aprobar ou actualizar" unha ordenanza para o impulso do uso do galego.
En canto ós servizos sociais, os nacionalistas expoñen no seu programa electoral unha "extensión homoxénea, planificada e coherente" destes, coa "necesaria cooperación da Xunta de Galicia e as entidades locais".
