Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 09.12.2019 Actualizado 23:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

brexit

Beiras ve "unha parvada" dicir que "gañaron os xenófobos" e apunta o rexeitamento dos traballadores á UE

SANTIAGO. EP  | 24.06.2016 
A- A+

Anova manifestou, ante o 'Brexit' do Reino Unido, que "o odioso recurso á xenofobia e o racismo" non debe "distraer do fundamental": que a Unión Europea (UE), "como parte do proxecto globalizador neoliberal, desarma ás clases traballadoras e empeora as súas condicións materiais de vida a marchas forzadas", o que ten "consecuencias".

"Iso de que gañaron os xenófobos é unha soberana parvada. A propia UE é xenófoba en si mesma, ¿ou non o vemos cos refuxiados? Hai segmentos xenófobos, claro, pero repito que a clave é que a maioría das clases traballadoras xa non soportan o modelo -- fracasado xa -- da UE", remarcou o voceiro nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, nun comunicado.

Beiras afirmou que "leva tempo dicindo que a UE é como o IV Reich". "A hexemonía do III Reich empezou a romper cando Inglaterra o declarou a Guerra. Co IV empezamos a vivir unha situación análoga", reflexionou.

Igualmente, apelou a diferenciar entre o 'Brexit' e o 'Grexit', porque o segundo "implicaba tamén saír do euro". "O Brexit é máis doado porque mantén incólumes os resortes de poder da política económica e monetaria no Reino Unido, nada que ver co que padecería Grecia", subliñou, ao tempo que apelou a "non esquecer" que Gran Bretaña "sempre foi o portaavións da hexemonía ianqui en Europa e que a zona esterlina ten máis vínculos co dólar que co propio euro".

"Aínda que no Reino Unido non padecen todos os nosos problemas, derivados de estar na zona euro, deciden largarse igualmente. Considero que as clases traballadoras están ata os narices desta historia antidemocrática da UE e, a pesar das consignas do Partido Laborista, o que deciden é apostar por facer políticas propias e gañar á dereita de Cameron e a City", sinalou.

No mesmo comunicado, a eurodeputada de AGEe Lidia Senra apelou a "non eludir máis" os debates arredor da cuestión da UE e o euro e a súa "compatibilidade" coa democracia e a soberanía popular, para concluír que "este debate" debe darse "no futuro inmediato".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS