Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
Os motivos para as galegas e os galegos no exterior crearen un blog son moi variados, pero entre os máis comúns é manterse en contacto coa familia e as amizades de Galicia. Resúmeo moi ben Gerardo Albela, enxeñeiro en Telecomunicación que marchou para Oxford (Reino Unido) en xaneiro do 2008 e que mantén Mirando adiante en http://gerardoalbela.blogspot.com: "Comeceino porque era un xeito doado de me comunicar coa xente que quero e que me quere e coa que simplemente quere saber algo de min, pois un correo require que fagas unha lista de xente da que sempre alguén pode quedar fora, e ó blogue vai quen quere e mírao. E por outro lado... o excitement, a emoción de estar nun sitio novo que che fai querer contar o que sentes e como o sentes, as diferenzas e semellanzas entre un e outro país...".
Tamén no Reino Unido, máis concretamente en Stirling (Escocia), vive o xornalista Xabier Cid, consultor de A Navalla Suíza (http://anavallasuiza.com), que ademais da súa bitácora en http://blog.xabiercid.eu ten para actualización máis frecuente un espazo na web de microblogging Twitter (http://twitter.com/xabitubbi) e outro no Facebook (http://www.facebook.com/xabiercid).
Máis lonxe de Galicia reside Miguel Ángel Mosteiro Rodríguez, investigador asociado do Departamento de Ciencias da Computación na Universidade Rutgers. Naceu en Arxentina pero séntese galego e como tal vive coa súa familia en Nova Jersey, Estados Unidos. Mosteiro mantén na rede http://www.galiciaennovayork.org, que creou "alá polo 2006, cando estiven en Galicia procurando traballo de investigador nas universidades galegas e decateime de que xa nunca deixaría de ser un galego de fóra".
Na súa bitácora difunde "novas para os galegos da zona de Nova York e Nova Jersey, publico todo tipo de anuncios, mais a maioría son eventos culturais, aínda que nos últimos tempos publico moitas novas sobre a loita pola defensa do galego, especialmente no Facebook onde teño o usuario galiciaennovayork".
Explica ademais que "no último ano fun a Galicia cada dous meses, máis ou menos, aproveitando as viaxes polas colaboracións de investigación que teño en Madrid e en Braga. No verán estiven bastante tempo na casa de meu tío e manteño contacto moi frecuente cos meus primos en Pontevedra co correo electrónico: no día de Galicia fixemos unha reunión de curmáns por primeira vez e xuntamos 50 persoas, tamén viñeron meus fillos e esparexemos as cinzas de meu pai na ría. Foi un ano moi especial para min".
Desde París, o xornalista vilalbés Ramón Chao, que foi redactor xefe do servizo para América Latina de Radio Francia Internacional e colaborador dos xornais Le Monde e Le Monde diplomatique publica agora a súa bitácora en http://ramonchao.wordpress.com, onde podemos atopar artigos sobre temas de actualidade fundamentalmente.
Máis preto de nós, a xornalista, escritora e política María Xosé Porteiro creou o blog Cruz del Sur (http://cruzdelsur.nireblog.com) "para compartir a experiencia de coñecer de perto a Galicia Austral mentres fun delegada da Xunta en Arxentina e Uruguai entre 2007 e 2009. Agora tamén servirá para difundir os Camiños de Ferro desde a miña dirección do Museo do Ferrocarril de Madrid e desde xullo de 2010 na Dirección de Comunicación y Desarrollo Corporativo da Fundación de los Ferrocarriles Españoles", tal como informa desde o propio blog.
Amauta Castro mantén desde Xirona Palabras de Amauta en http://amautacastro.blogspot.com, onde escribe desde febreiro de 2006 e "a temática xeral é bastante variada, aínda que hai temas que aparecen máis repetidamente. As miñas viaxes, política internacional, solidariedade fronte á represión, cultura e lingua xaponesa, e algunha que outra poesía miña".
Explica para este xornal que "non adoito viaxar a Galiza, somentes unha única vez ó ano", pero "manteño contacto coa realidade social, política e cultural do país a través da rede. Xa sexa por redes sociais, por outros blogues, amigos/as, e familia. Boto de menos Vieiros, que era un sitio de obrigada visita diaria, e que ademais tiña unha sección para a comunidade galega do exterior. Non me considero un emigrante, pertenzo a un lugar físico e a un momento cronolóxico, sempre en insatisfacción co presente".
A anterior é unha pequena selección de blogs de xente de Galicia que reside agora fóra dela, probablemente non representativa do gran número e diversidade de bitácoras de galegas e galegos no exterior que hai agora na rede, pero si unha mostra da súa riqueza.
