Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| Un parque eólico entre árbores no concello de Melide FOTO: SUSANA FORMOSO |
A "guerra" do vento, por mor do concurso eólico, volve ó debate político con máis forza ca nunca despois da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que avala a poxa impulsada en decembro de 2007 polo bipartito e que foi anulada pola Xunta de Alberto Núñez Feijóo. Onte, o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e o voceiro de Industria do Grupo Parlamentario nacionalista, Henrique Viéitez, esixíronlle nunha roda de prensa que explique o alcance da "suspensión" da resolución do concurso eólico efectuada polo actual Goberno galego e que se derivaría de non contestar administrativamente ás peticións nese sentido realizadas por empresas.
Ademais, os nacionalistas acusan o Goberno galego e o PPdeG de "mentir" en cando ás razóns polas cales derrogaron o concurso eólico do bipartito e por "seguir montados na mentira" neste sentido. A este respecto, o líder nacionalista acusou os populares de "atentar contra a honorabilidade" do BNG, que dirixía a Consellería de Industria no bipartito co agora deputado Fernando Blanco á cabeza e demandoulle a Feijóo que lles "pida perdón ós galegos" polas "mentiras masivas" verquidas sobre o decreto anterior, para "cambialo e adxudicalo ós seus amigos".
Henrique Viéitez tamén se referiu aos argumentos esgrimidos polo conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, ó respecto de que a decisión da Xunta se baseou no informe da asesoría xurídica e do Consello Consultivo, pero matizou que "o que non di" ese dirixente autonómicos é que eses informes se fixeron "antes do borrador final" da lei e da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Ó respecto da nova resolución do Goberno autonómico, o deputado do Bloque afirmou coñecer de "boa tinta" que empresas a recorreron, e se ben teñen coñecemento de que a algunha delas si a Xunta lles respondeu negativamente á suspensión da resolución, afirmou que a "outras non se lles contestou". "Se non se lles contesta, o silencio é positivo", indicou para incidir que o conselleiro "terá que explicar" en qué situación e as consecuencias que poida traer esta "suspensión".
O PP defende a lexitimidade da actual poxa
Pola súa banda, o voceiro do PP galego, Antonio Rodríguez Miranda, defendeu en rolda de prensa a lexitimidade do concurso eólico impulsado polo Goberno de Feijóo e remarcou que a sentenza do TSXG fai referencia ó recurso dunha empresa privada, con referencia a Enel Green Power, que afecta a "unha repartición eólica no que parece que existían intereses ocultos dun partido", con alusión ao BNG.
A Consellería de Economía e Industria afirmou onte que o concurso eólico "segue o seu curso normal" para converter a adxudicación de 2.325 megavatios "no maior plan industrial da historia de Galicia" e subliña que é "rotundamente falso" que estea suspendido.
Guerra critica que pidan a dimisión
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, sinalou onte que "sempre está moi atento ó que di a oposición cando é razoable, pero non é razoable neste momento" pedir a súa dimisión, como demandou o BNG, despois do ditame do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que avala o concurso do bipartito.
Ademais, o conselleiro asegurou que a poxa continuará adiante "tal e como estaba formulado" e, malia a sentenza do alto tribunal, aseverou que a Xunta "fixo o que tiña que facer".
