Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 20.05.2019 Actualizado 14:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O BNG aposta por duplicar o investimento en I+D+i e eliminar "barreiras" para as mulleres na ciencia

Pontón cre a visita de Sánchez "turismo" electoral e advirte que o seu "compromiso" con Galicia foron os "orzamentos máis baixos en 17 anos"

FOTO: Ana Pontón e outros dirixentes do BNG na sede do CIMUS, en Santiago
FOTO: Ana Pontón e outros dirixentes do BNG na sede do CIMUS, en Santiago

SANTIAGO. EP  | 17.04.2019 
A- A+

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fiou o apoio á investigación en Galicia á presenza "decisiva" da formación nacionalista no Congreso após o próximo 28 de abril e comprometeu traballar para "duplicar" o investimento en I+D+i en Galicia, co fin de desenvolver a carreira investigadora e "acabar coa precariedade" neste sector.

Ademais desta medida, que tamén ten como obxectivo que os investigadores "non tiren a toalla", defendeu por unha ciencia que "aposte por todo o talento das mulleres", xa que aínda que hai "referentes internacionais" como Mabel Louza, "non é a realidade das mulleres científicas", que adoitan atopar "barreiras ao seu desenvolvemento profesional".

Pontón, xunto a outros dirixentes nacionalistas --o candidato ao Congreso pola Coruña e a candidata á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín--, visitaron este martes de campaña electoral o Centro de Investigación en Medicamento Molecular e Enfermidades Crónicas (Cimus), un dos centros de investigación máis relevantes de Galicia, situado en Santiago de Compostela, que forma parte da rede de centros singulares de investigación do Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela.

Para a líder nacionalista, nestes anos "fallou o financiamento público" e "recortouse" tanto por parte do Goberno central como autonómico, o que provocou "a emigración de moito talento que hai que recuperar". "Porque en Galicia temos a capacidade para poder desenvolver todo o potencial que temos neste ámbito", incidiu, antes de lembrar que hai un mes os investigadores españois asinaron un manifesto no que denunciaban que a baixa execución orzamentaria "estaba a pór en perigo o propio sistema de investigación".

Na súa intervención, apuntou que o Goberno central reduciu os fondos até niveis de hai "15 anos", mentres que a Unión Europea incrementouno un 25 por cento.

No ano 2016, dixo, deixouse de executar o 60% dos fondos, ao ano seguinte foi "peor" con sete de cada dez, mentres que en 2018 foi o 53%. "E polo que nos dixeron aquí hoxe, a cifra este ano vai ir nunha situación moi similar", advertiu Pontón, quen apuntou que a "investigación é básica" para o desenvolvemento do país, para curar enfermidades e "Galicia ten potencia para ser referente".

"APOIO POLÍTICO E ECONÓMICO"
Pola súa banda, o candidato do BNG pola provincia da Coruña, Néstor Rego, destacou a necesidade de que este tipo de centros de investigación teñan "todo o apoio político e económico para que poidan seguir funcionando e que todo este esforzo e talento acaben redundando en beneficio da cidadanía".

Rego mostrou o seu agradecemento ao persoal do Cimus pola visita e as explicacións sobre o traballo que alí desenvolven. "Imos con esa idea de que as administracións públicas teñen que pór sobre a mesa máis recursos e máis apoio e vontade política poida realizarse e desenvolverse, e poida dar o resultado necesario", sinalou.

VISITA PEDRO SÁNCHEZ
Noutra orde de cousas, ao ser preguntada pola presenza do candidato do PSOE, Pedro Sánchez, en Ourense e Vigo este martes, Pontón reafirmouse en que o "programa socialista para Galicia viuse nos orzamentos do Estado", en que "a aposta que fixo cun pacto con Podemos e En Marea foron os orzamentos máis baixos en 17 anos".

"E neste país seguimos tendo problemas importantes: Alcoa segue sen ter unha solución, as nosas rías seguen sen estar saneadas, temos unha riqueza como a capacidade enerxética que está a servir para engordar as portas giratorias en lugar da este país, temos ao noso sector pesqueiro en situación crítica...", enumerou Pontón, quen se ratificou en que é "unha visita máis de turismo, a pedir os votos, pero non veñen contar o que poden facer por Galicia".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS