Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.10.2019 Actualizado 14:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O BNG censura a viaxe "electoral" de Feijóo a Arxentina

Compáraa cos contratos de Pemex na campaña de 2012 // Pontón avanza que pedirá a comparencencia do presidente en pleno e que remita os acordos asinados co Goberno arxentino

SANTIAGO. EP  | 20.09.2019 
A- A+

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, censurou o "uso electoral" da viaxe a Arxentina do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e comparouno co acto celebrado en setembro do ano 2012 no que o mandatario popular participou na firma dun contrato coa empresa petrolífera Pemex.

"Estamos ante un Pemex II", aseverou a líder frontista este venres en referencia ao acto polo que Núñez Feijóo foi reprendido pola Xunta Electoral ao celebrarse a poucos días das eleccións autonómicas de 2012 nas que o popular obtivo a súa segunda maioría absoluta.

Sete anos despois, o Bloque considera que a visita a Arxentina esta semana "desprende tufo electoralista" e acusa a Feijóo de "repetir un modus operandi que debería darlle vergoña, pois consiste en facer os mesmos anuncios e as mesmas promesas sen base".

"Estamos con claridade ante un 'Pemex II' e todas lembramos como acabaron eses anuncios: en fume, en barcos que non se construíron e cos seus amigos mexicanos imputados por corrupción", incidiu Ana Pontón, segundo recolle un comunicado emitido polo Bloque este venres.

Deste xeito, Pontón pon o acento en que existen "paralelismos" entre a viaxe a Arxentina e o acto de firma con Pemex para a construción de dúas floteles nos estaleiros de Navantia.

Faino despois de que o pasado xoves, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o ministro de Agricultura, Gandaría e Pesca do Goberno arxentino, Luís Miguel Etchevehere, avanzasen un acordo para que a metade dos barcos que operan en augas de Arxentina poidan construírse en estaleiros galegos.

"Agora que parece que o filón de México se acabou, o señor Feijóo percorre Arxentina con anuncios sen ningún tipo de confirmación oficial, convencido de que pode enganar aos galegos todo o tempo", remarcou Pontón.

PROSPECCIÓNS NA COSTA ARXENTINA
Doutra banda, a líder nacionalista tamén se referiu a outro dos asuntos expostos por Feijóo após a reunión co ministro arxentino de Pesca.

O mandatario autonómico asegurou que existe o compromiso do Goberno de Arxentina de que as prospeccións en busca de petróleo que planea realizar na súa costa non afectarán a zonas nas que operen barcos de empresas galegas.

Con todo, Pontón recela deste compromiso e tacha o anuncio de Feijóo de "meras palabras" que non están sustentadas "en documento algún".

MOZOS DESCENDENTES DE GALEGOS
Por último, a portavoz nacional do BNG tamén se detivo nas palabras de Feijóo nas que convidou os mozos arxentinos descendentes de galegos a retornar a Galicia, aínda que, para Pontón, debería explicarlles "que clase de emprego lles ofrece cando ten ao país sumido nunha crise industrial" ou que ocorreu "cando hai máis de 200.000 galegos de primeira xeración que tiveron que coller a maleta por falta de oportunidades".

Así as cousas, o Bloque avanzou que pedirá na Cámara a comparecencia do presidente galego para que informe desta viaxe no pleno, ademais de que solicitará que remita ao Parlamento "todos os acordos asinados" co Goberno arxentino.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS