Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 12.11.2019 Actualizado 12:08
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O BNG chama á esquerda "indecisa" que "pensa na abstención" fronte ás "inútiles" forzas estatais

Néstor Rego alerta do escano en "disputa" que mantén o Bloque con Vox, unha "dereita carca e antigalega" que "ataca" ao idioma galego

SANTIAGO. EP  | 04.11.2019 
A- A+

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo un chamamento este luns a "toda esa xente progresista e de esquerdas indecisa" que "pensan na abstención" fronte á "inutilidade" demostrada, segundo as súas palabras, polos partidos estatais.

Así o expresou a líder frontista nun mitin en Carballo (A Coruña), no que apelou á mobilización de todos os que queren converter o 10 de novembro en "unha oportunidade" de que Galicia "recupere voz propia no Congreso" da man do Bloque.

"A toda esa xente progresista e de esquerdas indecisa, que pensa na abstención, pídolle que cambie o seu lóxico cabreo e aposte por algo diferente, votar BNG. Porque somos garantía na defensa de Galicia e tamén na defensa dos dereitos e liberdades, porque nós non fixemos parte do problema e si facemos parte da solución", proclamou.

Ante o "habitual agravio" do bipartidismo entre PP e PSOE, "especialistas en alternarse no desprezo" á Comunidade galega, sumouse" Unidas Podemos "pactando co Goberno de (Pedro) Sánchez os peores orzamentos para Galicia en 20 anos".

Así, Pontón tamén se mostrou crítica con que a esquerda estatal tampouco foi capaz de "avanzar en democracia e en dereitos": "Aí están intactas a lei mordaza ou as contrarreformas laborais que só trouxeron precariedade".

A portavoz nacional do BNG aproveitou a súa presenza en Carballo, municipio no que desde hai case dúas décadas goberna o nacionalista Evencio Ferrero, para dirixirse aos veciños: "Sabedes moi ben da capacidade do Bloque e por iso pido a todas as persoas que, convocatoria tras convocatoria, votades a Evencio Ferrero como alcalde, que tamén confiedes o BNG o 10N".

UN ESCANO EN "DISPUTA" CON VOX
Pola súa banda, en referencia ás últimas enquisas electorais publicadas, a cabeza de lista do Bloque pola Coruña, Néstor Rego, valorou o "necesario" de "concentrar todo o voto en clave galega", porque saben que están "a disputar directamente" con Vox o seu deputado por esta provincia.

Neste sentido, Rego referiuse ao partido de Santiago Abascal como unha "dereita carca e antigallega" que quere "retroceder en dereitos e liberdades", que "ataca" ao idioma galego e que "nega" a Galicia como pobo.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS