Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 18.10.2018 Actualizado 20:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O BNG cre que Feijóo puido cometer prevaricación e falsidade documental

Cren que "mentiu" sobre a fusión das caixas // O PPdeG alega que a fusión das caixas é un tema "xa tratado" e afea que a oposición use o Parlamento para facer "arqueoloxía"

SANTIAGO. EP  | 14.05.2018 
A- A+

O BNG avanzou que estuda recorrer á vía penal polas "mentiras" do presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, sobre a fusión das caixas galegas, xa que cren que o mandatario popular puido incorrer en senllos delitos de falsidade documental e prevaricación cando afirmou que unha auditoría encargada á consultora KPMG avalaba a fusión de Caixanova e Caixa Galicia.

Os grupos da oposición (En Marea, PSdeG e BNG) rexistraron este luns de forma conxunta unha solicitude para que o presidente galego ofreza explicacións na Cámara sobre o proceso de fusión das caixas; mentres que o PPdeG afeou que se empregue o Parlamento para facer "arqueoloxía de cuestións xa tratadas".

A oposición reclama a comparecencia de Feijóo logo de que, na comisión que investiga a crise financeira no Congreso, Francesc Gibert, un dos autores do informe encargado en decembro de 2009 pola Xunta á auditoria KPMG, previo ao proceso de fusión de Caixanova e Caixa Galicia, manifestase que este documento non constituía unha auditoría nin tampouco unha recomendación sobre se era conveniente ou non realizar a fusión, senón que simplemente analizaba a situación da entidades ante ese escenario.

Esta petición foi rexeitada polos populares galegos, cuxo portavoz parlamentario, Pedro Puy, mostrouse "sorprendido" polo feito de que a oposición se interese pola comparecencia do consultor de KPMG Francisco Gibert no Congreso cando "basicamente dixo o mesmo" que na comisión de investigación sobre a desaparición das caixas galegas posta en marcha no Parlamento de Galicia.

PP: "TODO PERFECTAMENTE EXPLICADO"
"Creo que o Parlamento está con outras cuestións máis interesantes que facer arqueoloxía de cuestións xa tratadas, de comparecencias xa sustanciadas", manifestou o dirixente popular, que insistiu en que a cuestión foi "perfectamente tratada" xa "hai anos" polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Así, lembrou que tanto Feijóo, como a entón conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, os responsables de KPMG ou das caixas ofreceron as súas explicacións. "Todo isto está perfectamente explicado. Non se que motivo impulsa á oposición para pedir unha comparecencia do presidente onde xa compareceu", incidiu.

Ademais, tras asegurar que o PP sente "particularmente satisfeito" do resultado da fusión a pesar de "todo o que ocorreu despois e que, en boa medida era impredicible", augurou que as caixas poderían estar hoxe en entidades como Bankia e Caixabank, coa afectación negativa que iso tería para o emprego "se se valora o que pode ocorrer co Pastor".

Por último, censurou que "algún grupo da esquerda" insinúe que "pode haber unha contaminación" da situación dos negocios do propietario de Abanca, Juan Carlos Escotet, tras a intervención de Banesco por parte de "un goberno ideolóxicamente próximo a eles". "Non ten nada que ver co que ten en Galicia, así o dixeron axencias que valoran os riscos como Standard & Poor's", subliñou.

BNG ESTUDA MEDIDAS LEGAIS
Este luns, a líder frontista, Ana Pontón, asegurou que o Bloque "non vai pasar páxina" e esixirá ao xefe do Executivo galego que explique "por que mentiu sobre unha auditoría que non era auditoría" e dixese que "avalaba unha fusión que non avalaba", senón que se trataba unicamente dun informe "que custou un millón de euros" para as arcas autonómicas.

Así, avanzou que os servizos xurídicos do Bloque estudan acudir á vía penal porque "en caso de confirmarse" que Feijóo "mentiu", estes feitos poderían "ser constitutivos" de delitos de falsidade documental e prevaricación, o que podría supoñerp penas de cárcere "de 10 a 20 anos".

EN MAREA CENSURA AS "MENTIRAS"
Pola súa banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, non quixo entrar a comentar se opina, como sostén o Bloque, que Feijóo incorreu en delitos durante do proceso de fusión das caixas, aínda que tachou de "inaceptable" a "mentira continuada" do Executivo autonómico.

Así, tras reiterar que a formación rupturista avala a petición de comparecencia do xefe do Goberno galego, o maxistrado en excedencia si afirmou que cre que a "mentira" sobre o informe das caixas ten "responsabilidades políticas" que teñen que ser depuradas.

"A xente non se merece gobernantes mentireiros", apuntou Villares, para logo incidir en que Feijóo recorre desde a súa chegada á Xunta "ao ilusionismo político", como demostran o caso das caixas galegas ou "o bluf" do contrato coa petroleira mexicana Pemex.

PSDEG: "ACLARAR AS DISCREPANCIAS"
O portavoz dos socialistas na Cámara galega, Xoaquín Fernández Leiceaga, tamén emprazou ao máximo mandatario autonómico a comparecer no Parlamento para "aclarar as discrepancias" entre as súas declaracións no momento da fusión das caixas e "o que hoxe din sobre todo os autores do informe de KPMG.

O dirixente socialista esixiu "transparencia" para coñecer a verdade do proceso e "do tipo de traballo encargado ao a consultora".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS