Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 11.12.2017
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O BNG critica que Rajoy "dea portazo" ao diálogo en Cataluña

Cre que aplicar o 155 suporá outra escalada de represión

SANTIAGO. EP  | 12.10.2017 
A- A+

O BNG criticou que o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, dea "un portazo" ao diálogo co seu "inmobilismo, prepotencia e autoritarismo" e asegurou que a aplicación do artigo 155 da Constitución suporá outra "escalada de represión".

Nun comunicado remitido aos medios, a Executiva do Bloque considera que o Goberno catalán fixo o martes "un chamamento expreso ao diálogo" e "obrou en consecuencia para poder facilitalo".

Por iso, a formación nacionalista asegura que "Rajoy tiña unha oportunidade de recoller a man tendida de Puigdemont e abrir unha porta á solución do conflito político que se vive en Cataluña pero decidiu pechala dunha portada".

Así mesmo, o BNG tamén denuncia que Rajoy, "seguindo a pauta xa adiantada por Felipe VI", "ameaza" coa intervención da autonomía de Cataluña a través do inicio do proceso de aplicación do artigo 155 da Constitución, cuestión que "poría en marcha unha nova escalada represiva a nivel xudicial e policial".

A RESPOSTA, "A AMEAZA"

"É absolutamente intolerable que ante a petición de diálogo e mediación internacional do presidente Puigdemont a resposta de Rajoy sexa de novo a ameaza", asegurou o Bloque que ve "impresentable" as "ameazas" transmitidas polo presidente do Goberno.

Fronte á actitude do líder do Executivo estatal, o Bloque reafírmase na necesidade de "buscar solucións políticas" aos "problemas políticos" e insiste en que a "resposta xudicial, policial ou militar lonxe de arranxar nada, ao único que pode contribuír é a agrandalo".

Por todo iso, o BNG fixo un chamamento a que o Goberno español "rectifique, acepte a petición de diálogo e intermediación internacional" e que "traballe para acordar unha solución democrática a este conflito que respecte o dereito a decidir libremente".

"A única solución real democrática á cuestión nacional no Estado español pasa polo pleno recoñecemento da realidade e natureza plurinacional e, consecuentemente, pola aceptación por parte do Estado do dereito a decidir dos pobos", resolveu.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS