Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O BNG non acudirá á rolda de consultas con Felipe VI

SANTIAGO. EP  | 05.12.2019 
A- A+

A Executiva Nacional do BNG acordou non participar na rolda de consultas de Felipe VI sobre a investidura do presidente do Goberno central. Diso informa a través dun comunicado, no que apunta que a decisión do Bloque "non só parte da súa profunda convicción republicana e soberanista", senón tamén por avaliar "moi negativamente" o papel que a monarquía e a figura do Rei está a desempeñar no contexto actual.

"Nun momento de profunda involución democrática no Estado, en que se están pondo en cuestión dereitos fundamentais e liberdades públicas, Felipe de Borbón asumiu un rol determinante neste proceso, especialmente contra as nacións que formamos parte deste Estado e contra o exercicio dos dereitos colectivos, como é o de autodeterminación, que como tales correspóndenos", subliña o comunicado.

Ademais, engade que resulta "cada vez máis inxustificable" o mantemento dunha institución "anacrónica" como a monarquía, "incompatible cun sistema que se queira democrático".

A xefatura do Estado, para os nacionalistas galegos, "debe ser electa polos cidadáns". "Non se sostén en parámetros democráticos unha xefatura do Estado hereditaria e vitalicia e, no caso español, reinstaurada polo ditador Francisco Franco", reproba.

Por iso, para o BNG, "é o momento de avanzar en dereitos e liberdades, tamén nos colectivos como pobo". Reafirma o seu compromiso coa defensa de "unha Galicia con plena capacidade para decidir por si mesma sobre os seus asuntos de maneira soberana como premisa para poder construír un país novo, libre e próspero".

Por último, reitera que ese compromiso "se plasma en que fronte a este Estado español unitario e cada vez máis autoritario que encarna a monarquía", o Bloque opta por defender "unha Galicia soberana e republicana".

REGO, CITADO DOS PRIMEIROS
Conforme á axenda difundida pola Casa Real, o primeiro en acudir a ver ao Rei será o deputado de Foro Asturias, Isidro Martínez Oblanca, o martes 10 ás 9,30 horas. Ás 10,15 irá o deputado de Teruel Existe, Tomás Guitarte, que se estrea no Palacio da Zarzuela.

Ás 11,00 horas está citado o Partido Rexionalista de Cantabria (PRC), representado polo deputado José María Mazón; ás 11,45 horas estao Néstor Rego do BNG e ás 12,30 será a quenda do deputado de Compromís, Joan Baldoví.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS