Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 13.02.2020 Actualizado 10:19
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O BNG pide a dimisión de Jacobo Sutil por converter a Agadic nunha "brigada de demolición" da cultura

SANTIAGO. EP  | 24.01.2020 
A- A+

A deputada do BNG Olalla Rodil reclamou este xoves a dimisión do director da Agadic, Jacobo Sutil, por permitir que esta institución se convertese, na súa opinión, nunha "brigada de demolición da cultura galega".

Nunha rolda de prensa, Rodil referiuse á modificación estatutaria da Axencia Galega das Industrias Culturais que deixa "sen dirección" o Centro Coreográfico Galego (CCG), a "pinga que colma o vaso" en relación á política cultural en Galicia na última década, o que cualificou dos "anos escuros".

Así, a deputada nacionalista asegurou que o popular Alberto Núñez Feijóo iniciou o seu primeiro mandado, hai unha década, "atacando á lingua propia", co "mal chamado" decreto do plurilingüismo, "e quere pechar este ciclo lamentable desmantelando o Centro Coreográfico Gallego".

Con iso, Olalla Rodril contrapuxo a situación da Agadic hai 10 anos, especialmente o CDG e o CCG, coa actual, que cualificou de "asfixia económica". "Redúcese á mínima expresión os centros públicos de creación para seguir engordando os espectáculos turísticos e os fastos do Xacobeo", criticou.

UN "TEMPO NOVO"
A deputada do BNG lembrou que o sector da cultura en Galicia está ligado con "a identidade propia" e que "xera riqueza", á vez que é "un dereito" social. "Necesitamos neste país abrir un tempo novo tamén nas políticas culturais e impulsar todo o potencial creativo que temos", subliñou.

Fronte a iso, Jacobo Sutil, "como xefe da brigada de demolición que é a Agadic", debería "dimitir" para "non prolongar máis os ataques á cultura galega".

A modificación dos estatutos da Agadic, explicou Rodil, cambiarán a súa dirección por unha xerencia "meramente administrativa" e sen capacidade de produción, algo que se suma tamén á "diminución" de orzamentos. Entre outras cuestións, a deputada criticou que o cambio se realizase sen consultar ao sector.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS