Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.02.2020
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O BNG pide que o dominio do galego puntúe no acceso a postos laborais nas institucións da UE

SANTIAGO. EP  | 27.09.2012 
A- A+

O BNG pediu á Comisión Europea (CE) que o coñecemento da lingua galega sexa valorado no proceso de selección para acceder a postos de traballo nas institucións da Unión Europea. Para iso apoiouse en que é "a lingua cooficial de tres millóns de persoas".

En concreto, realizou dita solicitude a través da eurodeputada nacionalista Ana Miranda, quen presentou unha iniciativa parlamentaria dirixida ao órgano con sede en Bruxelas, segundo indicou a formación a través dun comunicado.

Para a deputada do Bloque na Eurocámara "non é comprensible" que o dominio dunha "lingua propia de tres millóns de europeos" non puntúe como mérito pero si o faga o "coñecemento doutros idiomas que non son propios da UE".

Neste sentido, Miranda destacou que, ademais de ser "a lingua propia" dos galegos, conéctalles con 240 millóns de habitantes do mundo da lusofonía".

DÍA DAS LINGUAS

Precisamente, a petición do Bloque Nacionalista Galego en relación ao acceso a postos en institucións comunitarias como o Parlamento, Comisión, Consello e Comité das Rexións, produciuse no 'Día europeo das linguas'.

Tal e como censurou a formación na súa nota de prensa, esta xornada, que se celebra desde o ano 2001, conmemora "a riqueza lingüística da UE con 23 idiomas oficiais", pero "sen considerar como tales" ás linguas cooficiais en España.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS