Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 20.02.2020 Actualizado 21:12
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O BNG pídelle explicacións a Sanidade por unha suposta vulneración de dereitos lingüísticos no Álvaro Cunqueiro

Sanidade defende o labor "exemplar" da "inmensa maioría" de profesionais, aínda que puido ser un caso "puntual" e pide "desculpas"

VIGO. EP  | 16.01.2020 
A- A+

O BNG anunciou este xoves que levará ao Parlamento galego a suposta vulneración dos dereitos lingüísticos dun paciente, menor de idade, que acudiu coa súa nai ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e que, segundo denunciou a Mesa pola Normalización Lingüística, foi atendido de "malas maneiras" por unha pediatra porque falaba en galego.

A portavoz de Sanidade do grupo nacionalista, Montse Prado, anunciou que esixirá explicacións e "responsabilidades" á Consellería de Sanidade, e pedirá "unha rectificación para respectar os dereitos lingüísticos".

Segundo apuntou a deputada do BNG, o Sergas é un dos organismos que recibe máis denuncias por vulnerar os dereitos das persoas galegofalantes e "é inadmisible que a administración que debe garantir o respecto aos dereitos lingüísticos das galegas e galegos sexa a principal incumplidora".

Así, Prado cualificou como "gravísima" a situación vivida por ese menor no hospital vigués, onde supostamente unha pediatra esixiu que lle falase en castelán porque ela non era galega. "A situación e a actitude da facultativa obrigou á nai do neno a facer de tradutora", engadiu a parlamentaria nacionalista, quen denunciou que este "non é un caso illado", á vista do número de queixas recollidas na Liña do Galego da Mesa.

Este servizo, sinalou, atendeu en 2018 máis de 300 queixas, das que un 12 por cento estaban relacionadas co Servizo Galego de Saúde. "É alarmante, preocupante e inadmisible", proclamou Montse Prado, quen subliñou que o 33 por cento das queixas recibidas nesa liña estaban relacionadas coa Xunta de Galicia, unha administración que debe garantir o uso oficial da lingua galega.

RESPOSTA DO SERGAS
Pola súa banda, Sanidade informou de que a xerencia da área sanitaria está a tratar de coñecer con máis detalle as circunstancias que rodearon eses feitos, que coñeceu "polos medios de comunicación", aínda que matizou que os pacientes galegofalantes "teñen dereito a ser atendidos na súa lingua, con igual respecto e nas mesmas condicións que o resto de pacientes".

No entanto, a administración puntualizou que "se trataría dun caso puntual porque a inmensa maioría dos profesionais da Sanidade galega exercen o seu labor de maneira exemplar", tanto en cuestións estritamente médicas como no que respecta ao trato cos pacientes.

A ese respecto, fontes sanitarias pediron que ese caso non sirva para facer "xeralizacións inxustas e descualificadoras", e sinalaron que, aínda que algúns profesionais de fóra de Galicia poidan ter dificultades "nos primeiros días" co idioma, trátase de "situacións puntuais e acoutadas no tempo". "En todo caso, de ser así, desde a área Sanitaria de Vigo pídeselle desculpas ao paciente e aos seus pais", resolveron.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS