Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.07.2018 Actualizado 11:15
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

BNG e PSdeG esixen medidas e non "parches" para aliviar urxencias

O PP defende a resposta "razoable" do Sergas // Os nacionalistas propoñen pór en marcha un plan de mellora da Atención Primaria, redimensionar cadros e "desbloquear" camas

SANTIAGO. EP  | 12.01.2018 
A- A+

BNG e PSdeG esixiron este venres á Xunta solucións e "medidas estruturais" no canto de "parches" para liquidar os problemas de "colapsos" rexistrados nos servizos de urxencias galegos, mentres que o PPdeG sostén que a resposta do Sergas ante a elevada demanda asistencial derivada do pico de gripe foi "razoable".

Nunha rolda de prensa centrada en sanidade, a parlamentaria do BNG Montse Prado alertou de que a sanidade galega está "afogada en recortes" e sinalou como consecuencia "os colapsos e auténticas situacións de caos" que viviron nas últimas semanas os hospitais galegos, onde pacientes viviron "esperas inaceptables de horas" para ser atendidos en urxencias.

Nesta conxuntura, agradeceu o labor dos profesionais e tachou de "burla" a resposta dada pola Xunta, con responsables que "practicamente acusaban os pacientes de ir a urxencias". "Temémonos que a seguinte ocorrencia da Xunta sexa dar número ás persoas para que enfermen. Parece que os pacientes enferman por encima das súas posibilidades", ironizou.

Prado reprobou que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, non se pronunciou, e instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a aclarar, após a súa proposta da pasada semana, "onde se poden aumentar as camas" cando hai centros que "xa as teñen duplicadas ou triplicadas" nas habitacións.

Ao seu xuízo, debería aclarar se propón "que no canto de tres camas sexan catro ou que se poñan nos corredores".

Após denunciar que se eliminaron "800 camas" desde 2009 e que hai outras que están "bloqueadas" en centros sanitarios, lamentou que Feijóo faga declaracións "de cara á galería mentres toma decisións no sentido contrario". Como exemplo, denunciou que "onte mesmo decidiron reducir 55 camas nas novas instalacións hospitalarias de Ourense", o que motivou unha concentración este venres.

PLAN DE MELLORA DE ATENCIÓN PRIMARIA
Prado proclamou que a sanidade e os colapsos en urxencias constitúen "un problema estrutural que esixe medidas estruturais, un cambio de modelo, e non parches", e avanzou que o BNG presentará iniciativas para demandalas, empezando pola posta en marcha dun plan de mellora da Atención Primaria.

"A Atención Primaria ten que ser resolutiva, acabar coa masificación de consultas e tamén coa redución de cadros", sinalou, antes de esgrimir que o PP chama aos cidadáns a ir a centros de saúde pero non responden ante listas de espera que xa pasaron a ser "de varios días" nalgúns casos.

O BNG tamén propón eliminar as taxas de reposición na sanidade e "redimensionar" os cadros cos profesionais precisos para "dar unha boa calidade asistencial". "Hai uns 3.000 profesionais menos que en 2009 no Sergas", advertiu, antes de demandar que "todas as camas bloqueadas no Sergas pasen a estar operativas de forma permanente", que non se espere a que urxencias sexa un caos para abrilas".

"Hai que abrilas e aumentar os profesionais nestas plantas porque o persoal está sometido a unha sobrecarga asistencial brutal", resolveu.

"SERVIZOS SANITARIOS ANORÉXICOS"
Tamén o PSdeG lamentou a falta de previsión por parte da Xunta ante unha situación "que se pode prever", xa que "picos de gripe hainos todos os anos" e "non é ningunha sorpresa" que se produzan a estas alturas.

Para o portavoz socialista na Cámara galega, Xoaquín Fernández Leiceaga, os servizos sanitarios de Galicia "están anoréxicos, empezando pola atención primaria" e as solucións que achega a Xunta son "parches tardíos" que non serven para paliar as situacións de colapso que sofren as urxencias nas épocas de maior esixencia.

Leiceaga cre que o sistema de saúde galego ten "un problema de dotación de medios", á vez que criticou que Feijóo trate de "desviar a responsabilidade" a un mal uso dos recursos por parte dos pacientes.

Deste xeito, lembrou que desde a chegada de Núñez Feijóo ao Goberno galego o Sergas "ten 1.000 camas menos", aínda que descartou que deba porse "o acento" unicamente na atención hospitalaria, xa que o problema "empeza na atención primaria", onde os recursos son "insuficientes".

RESPOSTA "RAZOABLE" DO SERGAS
Enfronte, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, replicou que a oposición é "perfectamente predicible nas súas críticas" e defendeu que o Sergas responde "de forma razoable" aos picos de demanda rexistrados por mor da gripe.

Despois de remarcar que se activaron os plans de continxencia, esgrimiu que en Galicia se traballa "de forma rigorosa" e incidiu en que os servizos de urxencias "están a resolver de forma diaria unha media de 3.500 casos" ao día, cando a media habitual é de 2.700 urxencias diarias.

Do mesmo xeito que fixo Feijóo na pasada xornada, lembrou que só o 18 por cento "requiriu ingreso hospitalario". "Creo que as cifras demostran que está a funcionar correctamente a drenaxe de pacientes, tal e como está previsto nos plans de continxencia que desenvolve o Sergas nestes picos de demanda", subliñou.

Dito isto, esgrimiu que as urxencias de Atención Primaria manteñen ao longo destas xornadas unha resolución de demandas que "rolda o 92 por cento". Tellado engadiu que hai "reforzos", que o Sergas mantén o cadro "en torno ao cento por cento", igual que se cobren "todas as ausencias".

De feito, incidiu en que se están formalizando unhas 100 contratacións cada día para "reforzar" con persoal facultativo e de enfermaría tanto as urxencias como os servizos de hospitalización e do 061. "Actúase desde o rigor", manifestou, antes de apelar "á colaboración de todos para non xerar unha alarma innecesaria".

Finalmente, convidou á cidadanía a que use as canles do Sergas de forma "adecuada". "A primeira é o médico de cabeceira, despois os puntos de atención continuada (PAC) e despois están as urxencias hospitalarias", indicou, antes de reafirmarse en que o Sergas está a responder aos picos de demanda "de forma razoable".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS