Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.07.2018 Actualizado 11:15
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O BNG reclama un plan de investimentos que recolla os máis de 1.000 millóns que o Estado deixou sen executar en Galicia

Pontón denuncia que o grao de execución no primeiro semestre de 2017 situouse no 15,9 por cento

SANTIAGO. EP  | 11.01.2018 
A- A+

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou un plan de investimentos extraordinarios do Estado que inclúa os máis de 1.000 millóns de euros que non se executaron en Galicia e que permita "acabar coa discriminación e marxinación constante" que sofre o territorio, con "incumprimentos" e anuncios que quedan "en papel mollado".

Así o sinalou en rolda de prensa celebrada este xoves, na que tamén considerou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "debería ser o primeiro interesado en poñese á fronte desta reclamación".

Pontón compareceu publicamente para avanzar o grao de execución orzamentaria das contas estatais con respecto a Galicia no primeiro semestre do ano pasado, en comparación con outras anualidades.

En suma, denunciou que esta execución se atopaba "baixo mínimos", cun 15,9 por cento no primeiro trimestre (16 de cada 100 euros dos previstos) nun ano caracterizado polo "recortazo" de 442 millóns nos investimentos do Estado a Galicia, un 32 por cento.

A deputada nacionalista advertiu de que estas cifras converten estes orzamentos "en papel mollado", dado que "de nada serven os anuncios" do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, se despois "non se executan" os investimentos.

Así mesmo, o grao de execución en 2016 respecto de Galicia situouse no 54 por cento, polo que "46 de cada 100 euros anunciados quedaron en nada". En contraste, a media de execución orzamentaria a nivel estatal ascendeu ao 108 por cento, que achacou ás "consecuencias" da "irrelevancia política" á que Feijóo conduce a Galicia.

"DÉCADAS DE ATRASO"
Pontón advertiu de que a situación é "especialmente grave" ao observar as cifras relativas ao Ministerio de Fomento, cun grao de execución "moi inferior" en Galicia respecto ao conxunto do Estado.

Este nivel de execución situouse no 80,8 por cento en 2015, o 47 por cento en 2016 e no 16,2 por cento no primeiro semestre de 2017, mentres que a media estatal rexistrou un 107%, 89% e un 54,7 por cento de media, respectivamente.

Por todo iso, Pontón considerou que "non fai falta ser adiviña nin premio Nóbel" para entender as "décadas de atraso" respecto á AVE ou a situación do ferrocarril en Galicia, con liñas propias "do século XIX".

"Con estes datos, moito me temo que estamos ante as portas dun novo incumprimento dos prazos da AVE", vaticinou, dado que o investimento de ADIF situouse sobre o 40 por cento en 2015 e no 28,7% en 2016.

Así, tendo en conta só os recursos previstos en obras da AVE, deixáronse de investir case 1.000 millóns de euros no bienio 2015-2016, mentres outros territorios "levan décadas gozando da modernización do ferrocarril".

Tamén reprochou o "deixamento absoluto" nas tarefas de mantemento e renovación destas liñas, dado que Renfe Operadora deixou de investir o 94 por cento do previsto nese mesmo bienio, o que supón unha perda para Galicia duns 40 millóns de euros.

COMISIÓN DE CONTROL
Pontón tamén lembrou a comisión de control dos orzamentos do Estado anunciada por Feijóo en abril de 2017, que "só serviu para dar un titular ao día seguinte", solicitando un plan de investimentos extraordinarios que compense os "incumprimentos" do Goberno central en materia orzamentaria.

Neste sentido, ve "importante" impulsar unha "posición de país" en defensa dos intereses dos galegos, e preguntouse se Feijóo condicionará os votos dos deputados populares en Madrid respecto das contas de 2018 a un "trato xusto" con Galicia ou se apostará por "servir a Rajoy".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS