Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 02.04.2020 Actualizado 14:36
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O BNG ve "insuficiente" o estatuto electrointensivo e cre que as grandes industrias seguirán en risco

Logo de reunirse co PSOE afirman que a mesa de traballo das Pontes comezará "previsiblemente" a próxima semana

SANTIAGO. EP  | 13.02.2020 
A- A+

O BNG considera "insuficiente" o novo estatuto electrointensivo que prepara o Goberno, pois considera que as medidas contempladas para abaratar a factura eléctrica para a gran industria non bastará para aquelas máis dependentes do consumo enerxético.

Após reunirse co PSOE este mércores en Madrid, en rolda de prensa, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinalou que para as "hiperelectrointensivas" o estatuto "aínda non garante a viabilidade" para asegurar "a estabilidade da actividade e o mantemento dos postos de traballo".

Neste sentido, apostou por "aumentar ese impacto" das medidas para abaratar a electricidade, e lembrou que o propio acordo para a investidura de Pedro Sánchez do PSOE coa súa formación incluía directa ou indirectamente estas posibilidades.

Así, citou o aumento das compensacións polas emisións de CO2 "até o límite que permita a Unión Europea" --"Hai marxe para isto", incidiu-- ou a posibilidade de abaratar o transporte da electricidade.

Neste caso concreto, explicou que en Alcoa "a enerxía que consome prodúcese aí á beira", polo que "non hai custo de transporte" no caso destas plantas electrointensivas, dedicadas á fabricación de aluminio.

Rego explicou aos medios de comunicación que na súa formación estarán "atentos" a como se actúe sobre estas cuestións, pois considera que "ten que ter plasmación orzamentaria" e considera "unha vía realmente boa para poder avanzar" cara a un apoio do deputado galego aos Orzamentos.

REUNIÓN "SATISFACTORIA" CO PSOE
A rolda de prensa tivo lugar despois do encontro mantido polo BNG co PSOE, co fin de avaliar o seguimento das medidas acordadas para dar apoio na investidura de Sánchez, unha reunión que cualificou como "satisfactoria" pois considera que "hai compromisos de actuar de forma inmediata no que non require un respaldo orzamentario".

Entre outras cuestións, na de pór en marcha a mesa de traballo en relación co peche da planta térmica de Endesa nas Pontes (A Coruña) e a aprobación do novo estatuto electrointensivo. Segundo afirmou Rego, a mesa de traballo sobre As Pontes porase en marcha "previsiblemente a semana que vén".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS