Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.09.2017 Actualizado 19:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

PAVILLÓN DE REPOUSO

A bondade de Pancho Pillado

PABLO VAAMONDE  | 11.04.2017 
A- A+

Francisco Pillado (A Coruña, 1941) é unha figura principal da cultura galega. Home de teatro, activista cultural, escritor, xornalista e, sobre todo editor; o labor que veu realizando nas últimas décadas é inmenso, e a súa entrega xenerosa ao servizo da cultura e do país debe ser destacada e recoñecida.

Ademais da entrega perseverante e da coherencia vital Pancho Pillado amosou tamén, mesmo nos tempos difíciles, a súa profunda convicción republicana. Declarouse sempre defensor da República e detractor da monarquía borbónica. Vén de ser elixido Republicano de Honra1 2017 pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña2, e será honrado con diversos actos. O día 18 de abril recibe unha homenaxe no Círculo de Artesáns da Coruña en recoñecemento do seu labor. A CRMH designou a Pillado por unanimidade "pola súa insubornable e constante defensa dos valores republicanos e polo seu labor en prol da recuperación histórica".

Pancho Pillado é un home de gran formación cultural, dotado dunha memoria extraordinaria, capaz de recitar poemas de Lorca ou textos de Valle Inclán sen parar; é un melómano irredento (“Só Mozart e Beethoven poden mellorar o silencio” dixo) e un notable pianista (aínda que xa non exerce). Ten organizado na súa casa de Miño encontros musicais aos que convidaba aos amigos (algunha vez estiven alí). O seu labor do ámbito teatral foi inxente. Xunto con Manuel Lourenzo deulle pulo a numerosas iniciativas (Escola Dramática Galega, os Cadernos da EDG, a revista teatral Casahamlet, o libro O Teatro Galego, publicación pioneira e aínda de referencia) que axudaron a manter vivo e potenciar o teatro en Galicia.

Estivo moi implicado en diversas actividades culturais e en 1997 foi elixido polo Parlamento de Galicia como membro do Consello de Administración de Compañía de RTVG, cargo que exerceu durante dúas lexislaturas. Pero de todas as iniciativas nas que participou coido que a máis importante foi a fundación en 1991 de Edicións Laiovento (xunto con Beiras, Pepe Carreiro, Couceiro, González Millares e Afonso Ribas). Pillado foi o director da Editorial ata 2014. A intensa dedicación a esta tarefa e a perseveranza no traballo fixeron de Laiovento unha editorial de referencia, que publicou numerosas obras de ensaio, narrativa e teatro que, doutro xeito, nunca verían a luz. Foron moitos anos de traballo xeneroso que deixaron unha fonda pegada na vida cultural do país. Compromiso e dignidade3: esas verbas definen moi ben a Pancho Pillado.

Eu tiven a honra de que me encargase a edición dun texto sobre a deriva privatizadora da sanidade en Galicia. Dese encargo naceu o libro “A saúde como negocio” (2012), que continuou cunha edición revisada en castelán4 (2014) e con “A comercialización da saúde” (2016). Son libros de combate, que tentan denunciar e poñer freo á contrarreforma sanitaria que está a realizar o Partido Popular. Co primeiro libro recorremos toda Galicia (coa compaña da súa muller, a adorable Noli) e fixemos numerosas presentacións e debates nas que Pancho sempre se implicou con enerxía e entusiasmo. Nesas viaxes, e nas longas conversas de ida e volta, decateime de que, por enriba de todas as súas calidades ten unha principal: a bondade. Porque Pancho Pillado é, por enriba de todo, unha boa persoa, afectuosa e con gran sentido da amizade. Ben merece estas homenaxes. Saúde e República, mestre.

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS