Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 22.08.2019 Actualizado 13:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Botando gasolina ao lume

JOAQUIM VENTURA  | 14.12.2018 
A- A+

Esta última semana houbo unha escalada (afortunadamente só) verbal tanto por parte dos partidos de dereita que se reclaman constitucionalistas como daqueloutros que en Cataluña queren exercer a opción soberanista. Unha escalada que, no caso dos primeiros, está a superar a linguaxe brava de Vox. Tanto por parte dos dirixentes do PP (nomeadamente Pablo Casado e do seu segundo, Teodoro García) como dos de Ciudadanos hai unha esaxeración no seu discurso que aos que habitamos en Cataluña nos soa a ciencia ficción.

Claro que desde o campo independentista non o poñen fácil con esa coincidencia entre os CDR que ocupan autoestradas e abren peaxes e a apelación de Quim Torra á vía eslovena como modelo a seguir. Vía, peculiar, que se engade a outros modelos anteriores. Polo menos, a favor do galeguismo histórico, so había un modelo: “Como en Irlanda, como en Irlanda”, que propuña Ramón Cabanillas.

En Cataluña pasamos daquela “vía lituana” que Jordi Pujol insinuaba en 1991 á “vía escocesa” que inspirou o referendo impulsado por Artur Mas para o 9 de novembro de 2014, sen que ningún deles recoñecese que as situacións eran ben diferentes. Agora foi Torra, despois de visitar Liubliana, quen apostou frivolamente por unha secesión á eslovena sen entender as razóns que a fixeron posible.

En primeiro lugar, que as forzas eslovenas que se opuñan á hexemonía da Gran Serbia impulsada por Milošević gañaron as eleccións. A partir diso, organizaron un referendo de independencia que tivo participación do 93% e un 95% de votos favorables. En consecuencia, proclamaron a independencia de Eslovenia, cousa que provocou a intervención do Exército Popular Iugoslavo (JNA). O segundo erro de Torra é que Eslovenia enfrontou tal ataque coa súa forza de Defensa Territorial, herdeira da política federal de Tito. E o terceiro erro foi esquecer que Eslovenia –como Croacia despois- tiña o apoio de Alemaña, interesada en estender a súa influencia no sur e ter unha saída ao mar Adriático vía Austria. Conxunto de erros que levaron a que Eslovenia confirmase o seu apoio á integridade territorial de España.

Pero no bando dos chamados constitucionalistas, con Pablo Casado o primeiro, tamén houbo erros en sentido contrario, é dicir á hora de rexeitar esa vía eslovena: 1. O referendo de independencia fíxose seguindo a lexislación constitucional iugoslava, que permitía a secesión. 2. A agresión armada non partiu das forzas territoriais eslovenas senón do JNA posto ao servizo do expansionismo serbio. Houbo mortos? Si pero máis nas filas dos atacantes que dos resistentes. O que non din os contrarios a esa vía eslovena é que a guerra durou apenas dez días e que rematou coa derrota federal porque as tropas que saíron de Belgrado estaban máis interesadas en atacar Croacia que Eslovenia.

Que Quim Torra está a frivolizar a acción política e a resistencia dos seus? Evidentemente. Un xaxún de dous días en solidariedade cos presos en folga de fame –como os xaxúns de vinte e catro horas de días antes- non deixa de constituír unha performance en apoio dunha intención moi concreta: a folga de fame pretende deixar en evidencia a liña de ERC tendente a reconducir as tensións de maneira pragmática e gañar a hexemonía no bando independentista. Unha folga de fame seguida por Jordi Sánchez, Quim Forn, Josep Rull e Jordi Turull, estes dous últimos persoeiros sen carisma que formaron parte dos gobernos de Artur Mas. Unha folga de fame que resulta indiferente a boa parte da cidadanía catalá.

Pero se volvemos ao outro bando, o dos que esgrimen o rigor legal, non fan para resultar cribles. Se o domingo 9 a policía requisou panos amarelos (cor do Boca Juniors) aos seareiros xeneizes que asistían á final da Copa Libertadores, como se se tratase de ferramentas ao servizo do independentismo catalán, agora Pablo Casado, entre as novas sete pragas de Exipto que están a suceder simultaneamente en Cataluña, inclúe a “ulsterización” (sic) e mais a non celebración da cea de Noiteboa por parte de moitas familias cuxos membros están divididos entre indepes e unionistas. O presidente do PP non sabe como os cataláns celebramos as festas do Nadal: a noite do 24 non forma parte delas (facemos xantar os días 25 e mais 26, San Estevo) e so foi incorporada recentemente por aqueles cidadáns de Cataluña de orixes non catalás (galegos, andaluces, casteláns, etc.). Fake news en estado puro e cristalino.       

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS