Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 15.11.2018 Actualizado 14:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

O Brasil como síntoma

MANUEL MERA  | 07.11.2018 
A- A+

O triunfo de Bolsonaro no Brasil racha todos os moldes, tanto pola radicalidade reaccionaria do seu discurso, tanto en relación coas mulleres, as persoas negras e indíxenas, e o sector público, como polo chamado á violencia contra o Partido do Traballo, e o comunismo. Hai dende a esquerda quen busca as razóns da derrota no manexo das novas tecnoloxías de comunicación e no apoio dos evanxelistas e do exército e forzas de seguridade. E, moitos engaden, que forma parte do avance populista que se dá noutros países, como Estados Unidos, Hungría, Italia... Agora ben todas estas valoracións esquecen, tanto que se trata de forzas moi distintas en realidades moi diferentes. Tamén relativiza o máis importante, que a esquerda está en retroceso na maioría dos países do mundo. Tanto sexa a socialdemocracia como a esquerda antisitémica sofren unha evolución regresiva, e cando crecen é dun xeito conxuntural. Hai excepcións, mais non marcan a tendencia dominante.

Dende a caída da Unión Soviética o avance da globalización neoliberal primeiro, e a crise sistémica despois, implicaron o retroceso das condicións de vida das clases populares, tanto nas vellas potencias, como nos países subordinados a elas. Concentrouse e centralizouse a riqueza e o poder, precarizando as condicións laborais, degradando o ecosistema, dando pulo á violencia, corrupción, e baleirado de contido das democracias representativas. Este fracaso do sistema, dos partidos que o defenden, non supuxo un avance dos socialdemócratas e das forzas antisitémicas. No primeiro caso porque, ou non estaban dispostos, ou non tiñan militancia organizada abondo, como para mudar impoñer un novo contrato entre o traballo e o capital. Este último síntese por riba das regras nacionais, e está centrado nunha competencia global polos mercados e os beneficios. No segundo caso, porque as forzas antisistémicas fan da ideoloxía, e non dos obxectivos e da acción política, a referencia exclusiva do proxecto.

En fin, que a socialdemocracia xa non é útil para a clase traballadora e ficou reducida a sectores das clases medias acomodadas, a estruturas piramidais, cunha militancia mínima. E as forzas antisistema fóronse illando da vangarda obreira e perdendo incidencia sobre a construción do imaxinario colectivo. As primeiras porque xa non conseguen a través do pacto-social, co aval institucional, melloras laborais e sociais que sexan albiscadas como un avance. E a esquerda antisitémica non foi quen de realizar unha análise da derrota histórica da caída do socialismo real. E polo tanto comprender seus efectos en todos os ámbitos, e reconstruír o discurso para este novo contexto. Tampouco valorou acaidamente a importancia de obxectivos intermedios, que cuestionen o modelo e nos que o proceso de socialización da economía e reparto do traballo pase pola proba do algodón, demostrando a súa eficacia. Por exemplo, a nacionalización da enerxía, banca e telecomunicacións, contan con compresión social, xa que son positivas non só para as clases populares, senón para a maioría das empresas, afectadas por prezos moi elevados que reducen a súa competencia nun mercado globalizado. Ademais son sectores económicos que dependen en exclusiva do mercado interno.

Bolsonaro, Salvini, Le Pen, son distintas expresións do chamado populismo de dereita, que pon o acento en problemas tan transcendentais como a violencia, a emigración, e a saída de capitais, ofrecendo saídas inmediatas e demagóxicas en aspectos que afectan no esencial ás clases populares. Digo que demagóxicas porque na súa práctica histórica terminan reforzando a centralización e concentración do poder a da riqueza. A esquerda quere solucionar estas problemáticas mediante unha maior presión fiscal e axudas públicas, conseguindo un novo trato social co capital, como nos anos do Estado de Benestar. Ignorando que iso era posíbel nun mundo dual e cun movemento obreiro e de liberación nacional moi forte. Mais, nesta etapa mudou a correlación de forzas.

Sen cambios sistémicos unha maior presión fiscal cébase naquel sector das clases populares con ingresos medios, mentres que diminúe respecto das grandes fortunas e empresas, moitas das cales ademais non declaran boa parte dos seus ingresos. Segundo o país a pobreza abrangue entre o 20-30% da poboación e vai a máis. Sen cambios políticos e estruturais profundos, as axudas son soportadas polas clases populares con ingresos medios, creándose unha fenda cada vez máis grande de intereses, máxime cando isto deixa de ser unha situación conxuntural para se converter no modelo imperante, e na proposta alternativa da esquerda. Neste escenario, no que ademais a violencia social xurde de sectores marxinais dos de abaixo, unha fracción das clases populares termina pensando que a opción menos mala é a que ofrece o sistema. Daquela que Bolsonaro, non sexa máis que un síntoma do afastamento entre a esquerda e a clase traballadora e outras camadas populares.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS