Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 20.02.2020 Actualizado 21:12
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Brasil: un novo laboratorio neoliberal?

MANUEL MERA  | 28.01.2020 
A- A+

Co ascenso de Trump á presidencia dos Estados Unidos agudizouse a disputa entre esta potencia e China respecto da hexemonía no eido económico, xa que a alternancia no financeiro e militar hai que velo como algo posterior. Esta actitude ademais alentou unha maior inxerencia de Washington na América Latina empurrando apoiando a instalación de governos neoliberais en moitas nacións da zona e fortalecendo outros que xa existían (coa colaboración tanto das forzas armadas e tamén do poder xudicial, como novo actor político relevante). Daquela que hoxe a maioría dos países manteñan posturas claramente subalternas dos Estados Unidos, e entre eles destaca o Brasil que é a maior potencia da rexión, con 220 millóns de habitantes e o 34,8% do PIB da rexión.

Mais non se pode obviar que, pola contra, México e Arxentina deixaban atrás os governos de dereita e agora están dirixidos por partidos progresistas. Tamén é de suma importancia ter en consideración que en Perú, Haití, Ecuador, Chile e Colombia houbo grandes revoltas populares, e que nos dous últimos casos seguen vivas, poñendo en cuestión as políticas neoliberais. É verdade que a maior parte destes movementos carecen dun suxeito político que as represente, porén todo indica que salvar esta eiva é cuestión de tempo.

Sen dúbida o que suceda durante o que resta do mandato de Jair Bolsonaro no Brasil será dunha gran importancia. Se é que remata seu mandato e non é substituído por outra persoa do bloque que o apoiou (evanxélicos, agro-negocio, militares, medios de información sistémicos, transnacionais, etc). Para alén da sua actitude retrograda en materia de xénero, respecto da diversidade sexual e da cuestión medio ambiental, resulta preocupante a privatización acelerada das empresas públicas, que sempre foron un orgullo nacional e fonte de redistribución, e a reforma laboral e das pensións.

Tendo en conta a práctica e as declaracións que realiza o governo Bolsonaro choca que aínda conte cun 29% de persoas que valoren a sua xestión, contra un significativo 40% que coida que é nefasta, amosando que existe no país unha fenda social, que se estende para alén das clases ao ámbito da loita das ideas. Téñase en consideración que, no ano 2018, o paro atinxía o 14,2% da povoación, e que na clase traballadora un 42,6% das mulleres e 39,6% dos homes tiñan contratos informais, e polo tanto carentes de seguros e prestacións públicas. Resultado, 55 millóns de brasileiros/as están por debaixo do chanzo da pobreza, unha tendencia que con Bolsonaro está a subir. Lembremos que cando Lula asumiu a presidencia en 2003 a pobreza acadaba o 28,2% dos habitantes, reducíndose durante o mandato do Partido do Traballo en máis de 25 millóns de persoas esta cifra.

Resulta evidente que, co governo de Chile confrontado a unha forte revolta popular, e o empresario dereitista Sebastian Piñera cuestionado pola maioría dos habitantes, tal como amosan as enquisas (só un 6% de apoio), ao que se suma a derrota de Mauricio Macri na Arxentina, as clases dominantes buscan consolidar as políticas neoliberais a través de Brasil, tendo en consideración o seu peso na rexión. Bolsonaro xa conseguiu impoñer a finais do ano pasado a reforma das pensións que implican un aforro de 22 mil millóns de dólares endurecendo o aceso á xubilación, malia que fose con modificacións que suavizan a proposta orixinal para obter maioría no Parlamento. Nesta liña está tamén a redución da presión fiscal sobre para as sociedades, a privatización de 17 empresas públicas tal como se anunciou no pasado mes de agosto, a eliminación de impostos a 500 produtos de importación, menores dereitos laborais para a clase traballadora (este recuar foi feito en parte por Temer), e a criminalización das protestas na rúa mediante unha lexislación máis dura e restritiva.

Porén para que estas medidas acaden algún consenso, como posteriormente á ditadura de Pinochet pasou en Chile, cando menos deben permitir que a economía e o emprego medre aceleradamente. E este non é o caso de Brasil. Aínda que paradoxicamente o maior medre do PIB foi o de Bolivia, en beneficio tanto dos empresarios como das clases populares, e non impediu un golpe de estado cívico-militar por razóns ideolóxicas e da inxerencia estadounidense. No caso concreto de Brasil no axuda a situación da economía, xa que tivo un crecemento do PIB do 1,3% en 2018, do 1% en 2019, e calcula a CEPAL que só acadará o 1,7% en 2020. Ademais hai que sumar unha balanza de pagos co exterior deficitaria en máis de 41 mil millóns de dólares, e que crecerá coa eliminación de impostos á produtos de importación con toda seguridade. Non semella que por este camiño aumente o emprego, máxime sacrificando os salarios e o consumo interno, nun intre tan complexo no contexto internacional; máxime despois do acordo entre Estados Unidos e China sobre as importacións agrícolas, en prexuizo de Brasil que é un competidor.

En resumo, todo fai pensar que Bolsonaro e compañía non poderán repetir e experiencia de Chile, tanto porque se trata dunha etapa distinta do capitalismo, como porque non se pode ignorar ate onde chegou a represión, os custes sociais, e como rematou este proceso que colocou ao país ao borde do precipicio. Asemade a globalización neoliberal, tanto en relación coa crecente desigualdade social e entre territorios, como polos custes medio ambientais, semella que ten os días contados. Daquela que o sociólogo brasileiro Emir Sader argumentase nun artigo recente sobre as expectativas do país: “Brasil é un gran interrogante para os brasileiros e para os latinoamericanos. Tres anos é moito máis que nada, é un tempo excesivo para un país que xa arrastra a crise máis prolongada e profunda da súa historia desde hai cinco anos. Brasil retomará o camiño da construción dun país máis xusto e solidario ou seguirá unha vía que ninguén sabe cara a onde o pode conducir?”.

https://obloguedemera.wordpress.com/

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS