Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 20.02.2020 Actualizado 21:12
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Bruxelas prevé que o AVE a Galicia non estea operativo até xaneiro de 2022, pero Adif estima que será "moito antes

Fomento sostén que a data da UE é de "cautela para non perder os fondos", "pero non hai obrigación de esgotar" ese prazo

BRUXELAS/SANTIAGO. EP  | 16.01.2020 
A- A+

O Executivo comunitario espera que o AVE a Galicia estea operativo "a partir de xaneiro de 2022", despois de aprobar este xoves un investimento de 226 millóns de euros a cargo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) para o tramo Lubián-Taboadela. Sobre esta previsión, fontes de Adif consultadas por Europa Press sosteñen que será "moito antes", aínda que deixan claro que a posta en servizo dependerá do visto e prace da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria após o período de probas, mentres se mantén o ritmo de execución.

Pola súa banda, fontes do Ministerio de Fomento sinalan que o prazo ao que fai referencia a CE é "de cautela para non perder fondos" e "para non pillarse os dedos", "pero non hai obrigación de esgotar" esa data, "nin moito menos". "Ese prazo non é o noso", deixan claro. "Mantemos a programación que demos de finalización das obras este ano", aseguran estas mesmas fontes de Fomento, aínda que inciden en que a posta en servizo dependen das probas, sen data concreta porque se prima "a importancia da seguridade".

INVESTIMENTO DE BRUXELAS
O tramo para o que Bruxelas destina fondos cobre 48,5 quilómetros da ruta de alta velocidade de 548 quilómetros desde Madrid a Santiago de Compostela.

Bruxelas destaca que este investimento servirá para potenciar a alta velocidade ferroviaria no norte de España, ao reducir os pescozos de botella, reducir significativamente os tempos de viaxe e aumentar a comodidade dos pasaxeiros e a frecuencia do servizo.

"O proxecto impulsará a economía local pero tamén a da UE en xeral, porque é parte da rede transeuropea que conectará mellor o suroeste de Europa co resto do continente", destacou nun comunicado a comisaria de Cohesión, Elisa Ferreira.

A Comisión destacou ademais que o investimento favorecerá o desenvolvemento de servizos de transporte "máis seguros, rápidos e ecolóxicos". A UE ten prevista un investimento de preto de 2.800 millóns de euros para mellorar as infraestruturas de rede e o transporte de España no marco dos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos do período 2014-2020.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS