Hemeroteca web
|
RSS
Venres 24.05.2013
| Actualizado 12.57
Eu si lembro os buzos colgados no tendal a secar e as botas de seguridade que sempre me chamaron a atención. Así logo no Entroido a cidade enchíase de buzos con caretas e sprays a xogar a mancharte o cabelo de cores, escuma ou de ovo. Aí recoñecíase a cidade, nas prendas que os nenos empregaban nos disfraces de Entroido cada ano. Agora moitos deles penduran no enreixado que nos permite ver o mar, nesta costa que nos foi roubada paseniño. Representan unha identidade, a do traballador, quen fixo da cidade o que é e do que dependemos e dependimos tantos e tantas. Aflixinme ao ver os buzos pendurados; era coma se fosen as persoas as penduradas e abandonadas ao frío e á intemperie día e noite.
Eu lembro os buzos azuis de meu pai e a lama que viña con eles e a súa cara de cansazo, e as quendas de traballo, e agardar para cear á súa chegada, e as folgas de fame e os conflitos sindicais… iso foi aló polo 92, non? O negro carbón. Tamén lembro a visita da escola á central térmica, as enormes pás mecánicas onde agora está ese lago de auga espoliada á fonte de vida das Fragas e a impresión de pensar coma sería antes ese pobo, e o gris no ceo, e esas nubes de chuvia ácida que estudabamos coma referente das consecuencias de enerxías non renovábeis. Mais os buzos, as botas pesadas, as toallas e as zamarras non se me esquecerán na vida, forman parte da miña infancia e da dos meus irmáns.
Así ao ver as imaxes da marcha nocturna, ás mulleres reivindicando o pan da familia roubado por un estado cimentado na mentira, que xustifica calquera acción no nome da salvación colectiva, estremecín. E lembrei a cara chuchada de meu pai ao volver da folga de fame na loita polos dereitos do convenio do carbón.
Agora unha folga de fame tería una simple liña nun medio de comunicación, una simple nova ou agardaríase a facer visíbel a lexítima reivindicación ate que alguén puxese en perigo a súa saúde. Así que si, meus,se as barricadas mostran o conflito, benvidas sexan. Ou cando alguén che di que gastou o que era teu e ti emprestaches para que reinvestisen no teu futuro ou alongasen o pan dos teus fillos non reclamarías con unllas e dentes? E digo eu: quen exerce mais violencia, que te amosou o teu pan e soíño o comeu, ou quen para facer oír a súa voz silenciada viste o buzo e se é preciso o pasamontañas?
Ogallá mais sendo nenos pisaran unha mina, un estaleiro, unha siderurxia ou un forno. Daquela outro galo cantaría e os días comezarían sen este gris cincento, agoiro de tempos sen sol.
*Buzo, coma roupa de traballo non aparece no Dicionario da Real Academia Galega. Éche castelán ou castrapo, no meu caso, mais hai determinadas verbas que inda que procuremos normalizar ao galego seguirán na nosa conciencia colectiva co termo deturpado, se cadra porque entraron dese xeito na nosa historia (ben, na miña no meu caso) Buzos lembro e buzos polo tanto escribo…mais non vos ten nada que ver con bozos dos cans, inda que a algúns gustaríalles poñernos bozos (ou buzos, agora si normativo) á clase traballadora.
