Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Luns 20.05.2013  | Actualizado 00.16

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Santiagoteespera.com
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Caballero ve na reunión de alcaldes do PPdeG o "inicio do saqueo a Vigo"

Os populares instan o socialista a que "acepte a man tendida" que lle ofrecen os rexedores

VIGO. EP  | 31.07.2012 
A- A+

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, referiuse este martes á reunión mantida por alcaldes do PP en municipios da futura Área Metropolitana, considerando que esta cita foi o "inicio do saqueo a Vigo" algo que, segundo engadiu, non permitirá. "Non lles imos deixar", asegurou o socialista, que mantivo o seu rexeitamento á lei sobre a nova entidade aprobada no Parlamento.

Nunha rolda de prensa, Caballero interpretou que nesa reunión, celebrada o luns na cidade olívica e na que participou o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda; o que aconteceu é que "veu o xefe a dar ordes aos alcaldes do PP para poñerse mans á obra e gobernar Vigo dende fóra", co obxectivo de conseguir que a urbe "pague" por servizos mentres "eles gobernan".

Por iso, considerou que esa reunión, non foi "nada de que non dixese o alcalde de Vigo que ía pasar", en alusión ás súas denuncias sobre o que, segundo el, suporá a posta en marcha da Lei de Área Metropolitana.

Caballero eludiu referirse ao anuncio dos alcaldes populares de convocar os 14 rexedores da área a unha reunión previa á constitución da Asemblea Metropolitana, se ben destacou que os rexedores do PP "suman unha poboación que é a metade da de Vigo" e que "todos eles teñen 11 veces máis votos que Vigo no conselo de Goberno da Área Metropolitana".

En todo caso, Caballero mantivo que o PPdeG atopará "a oposición de toda a cidade" e advertiu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de que empregará "tódolos recursos legais" ao seu alcance para "defender a Vigo en contra deste ataque ignominioso".

En canto á moción aprobada no pleno municipal do luns con votos socialistas e nacionalistas --presentada polo BNG e cunha emenda do PSOE-- considerou que é "un exercicio de boa vontade" pois, aínda que se solicita que se derrogue a lei e se redacte unha nova, a norma está xa "aprobada e vixente".

Nese sentido, explicou que se o Bloque votase a favor da presentación do recurso ante o Tribunal Constitucional que o goberno local propuxo nun pleno anterior, "a lei hoxe estaría parada".

PP

Pola súa banda, o concelleiro do PP vigués Antonio Bernárdez instou ao socialista a que "acepte a man tendida" que lle ofrecen os rexedores do PP na Área Metropolitana e explicou que a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, lle enviou unha carta na que lle comunica a proposta para manter unha reunión de coordinación previa antes da constitución da Asemblea do novo organismo supramunicipal.

Bernárdez explicou que o rexedor olívico aínda non respondeu e que tampouco o fixo o socialista de Fornelos de Montes. Pola súa banda, o nacionalista de Salceda de Caselas aceptou a proposta de reunión de alcaldes dos 14 municipios.

O edil popular reclamou a Caballero que "deixe de lado o falso populismo, porque o capricho dunha persoa ten que desaparecer". Finalmente, acusouno de manter un "ninguneo permanente, que raia co desprezo, cara ao resto dos municipios e dos seus habitantes".

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS