Hemeroteca web
|
RSS
Sábado 18.05.2013
| Actualizado 11.27
Son uns poucos euros ao mes, un pequeno esforzo, como comentaba o presidente do Goberno desde Colombia, a propósito das cantidades que se van cobrar, a partir de agora, aos pensionistas polos medicamentos que lles receiten na Seguridade Social. O equivalente ao mes a catro ou cinco cafés, segundo Jesús Aguirre, portavoz do PP na Comisión de Sanidade do Congreso, dentro da campaña anticafeteira iniciada esta lexislatura polo secretario de Estado de Administración Pública, Antonio Beteta, que advertía aos funcionarios que xa se vai acabar o de tomar “cafelitos” e ler os xornais (por suposto, despois rectificou, pero a pedrada xa estaba dada).
A campaña subliminar contra o consumo de café (que Rajoy obviou nas súas declaracións en Colombia, supoño que por razóns de elemental cortesía cos seus anfitrións) xa fora utilizada hai máis dun ano polo entón ministro de Industria, Miguel Sebastián, para minimizar o efecto da tradicional subida das tarifas eléctricas (e algunhas máis) o primeiro de xaneiro, e que aquel ministro cifraba nun café ao día.
Da mesma maneira que os estadios de fútbol se converteron na medida de superficie dos terreos afectados por incendios forestais, o café parece servir para medir a dimensión dos recortes/axustes que afectan directamente ao peto do persoal. Moi gráfico e didáctico, pero tamén, segundo os casos, frívolo e humillante, sobre todo porque, entre café e café, sempre hai algún político meritorio, algún “tertuliano” mordaz ou algún empresario retorcido que contan os tópicos sobre profesionais do subsidio de desemprego ou pensionistas que trafican con medicamentos.
Farían mellor en calcular de cántos cafés (e de tantas outras cousas máis necesarias) leva privándose a maioría dos cidadáns desde que estamos nesta espiral de sangría económica nunha soa dirección. E poderían poñerse no lugar dos pensionistas, por exemplo, e comprender que non ten a mesma repercusión unha subida, por leve que sexa (que non é tan leve e que, ademais, se suma a moitas outras subidas), para quen gaña setenta mil euros anuais que para os que apenas pasan de once mil (pensión media, por non falar de pensións que se moven nos lindes da pobreza).
Ás veces, o grave non son as duras e desagradábeis medidas que se adoptan, senón a maneira de vendelas. Minimizar os sacrificios que se están a impoñer á maioría dos cidadáns é un sacrificio máis, unha sorte de asañamento moral.
En lugar de improvisar chistes cos cafés, poderían intentar outras compensacións que trasladasen á cidadanía a impresión de que os custos da saída da crise se pagan, polo menos, de xeito equilibrado, descartada como utópica a posibilidade de que a paguen só aqueles que provocaron e se beneficiaron directamente da crise. A cidadanía entendería mellor os seus sacrificios, por exemplo, se o diñeiro que está a facilitar o Banco Central Europeo ás entidades financeiras, a un tipo mínimo de interese, estivese servindo para reanimar a circulación de créditos e non para mercar débeda pública a intereses especulativos (que o propio BCE podería cortar, se non tivese vetado a compra directa desa débeda por unhas normas establecidas no seu momento polos incompetentes deseñadores da política monetaria da eurozona). Ou se Repsol, en lugar de especular con YPF, declarase en España algo máis que o 25 por cento dos seus beneficios.
Aos delincuentes que defraudan ao fisco facilítaselles a posibilidade de redimirse por unha módica taxa do 10 por cento (que non sei se habería que calcular en cafés ou en whiskys). Os que non tiveron máis remedio que pagar os seus impostos ven como vai aumentando, mes a mes, o nivel da súa contribución, sen que aumenten os seus ingresos, e sen que nin sequera se lle agradeza. Todo o contrario: reciben o insulto de que pretendan convencelos de que só están a facer un pequeno esforzo.
