Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

NOTICIAS COTIÁS

Calendario de lembranzas…

RUTH FERNÁNDEZ  | 03.01.2020 
A- A+

1 de decembro

Comeza o mes do Nadal, o mes da familia, o tempo de compartir e de botar de menos a aqueles que xa non están connosco. Esa é a sensación que me acompaña hoxe, domingo, cando fago plans para estas vacacións. Coma un calendario de adviento escribo estas verbas. Sei que irán sucedéndose estas datas especiais con doces momentos e algúns tragos amargos, polos recordos que trae a memoria.

En xullo derrubouse o carballo da nosa familia. Da familia materna, cando o meu avó nos dixo adeus. Parecía que sempre ía estar aí, ó noso carón. Unha figura forte que acompañou a miña infancia, a adolescencia do meu irmán, que nos acompañaba agora na idade adulta a todos nós. Que ás veces nos fixo rabear, pero tamén rir moito. Agora chega o Nadal e paréceme imposible que xa non vaia estar sentado á nosa mesa, como cada Noiteboa, como cada Fin de Ano. Brindando con nós, dicindo ‘quen o contará para o ano que vén’… Este Nadal será máis triste sen el. Porque aínda que a vida segue, as veces a súa lembranza asolaga a miña alma e as bágoas esvaran polas meixelas en silencio, agochada nalgún recuncho da casa. Ai, avó, marchaches e xa non estarás para contar unha a unha cada badalada. Para facernos rir ata case nos atragantar coas uvas.

6 de decembro

Estamos de ponte e aproveitamos para ir mercando algúns agasallos de Nadal. Sempre hai tecnoloxía, perfumes, libros, roupa e calzado debaixo da nosa árbore. Este ano non podo mercarche, avó, un xersei tan bonito coma o do ano pasado. Coma o que estrenaches o día do teu Santo. Xa non estás. O carballo de case noventa e cinco anos que nos dixo adeus o pasado 5 de xullo xa fora murchando as súas pónlas nos últimos tempos. Sabíamos que pouco a pouco se esgotaba, pero como sempre foi tan forte custaba crer que había que dicirlle adeus. Recordo os momentos de nena con el, como cando visitamos en familia por primeira vez o belén de Begonte e na miña memoria quedou para sempre gravada a maxia do Nadal.

22 de decembro

Para min o Nadal comeza hoxe. O día da lotaría, co sorteo do Gordo. Non podo imaxinar estas datas sen sentir a musiquiña dos nenos de San Ildefonso resoando nos meus oídos, aínda que me pille ó volante, como este ano. A alerta roxa polo forte temporal obrígame a viaxar de volta á casa hoxe a media mañá. Escoito cantar os números premiados e, aínda que non son os meus, son FELIZ. Volvo á casa polo Nadal, coma di o anuncio dun turrón ben coñecido, e sei que estarei cos meus, sentindo o calor dos seus corazóns. Pode haber mellor premio?

24 e 25 de decembro

Son datas de moito comer. Grandes ceas as do 24 e 31 de decembro. Non queremos que falte nada na mesa. Queremos compartir o mellor cos nosos, dando as grazas por poder facelo. Días de compartir agasallos, de lembrar momentos, de amar. Buscamos non caer na tentación de comer tantos doces, pero resulta imposible. E sempre gañamos algúns quilos… Son días de ledicia, aínda que os recordos dos que non están nubren por momentos as nosas olladas. Pasa cos avós, cos tíos... Miramos fotos, vídeos, lembramos… e o recordo trae felicidade, pero tamén dor.

28 de decembro

Día dos Santos Inocentes. Día terrible na miña memoria de nena, pola despedida dunha gran muller, a miña avoa Araceli. Recordo cando marchou ó ceo tendo eu uns once anos e lle espetei ó avó “agora temos que ser fortes”. Esas palabras que lle dixen sen parecer propias dunha nena resoan hoxe na miña cabeza. Foron moitos anos nos que estivo só, sen aquela muller chea de amor que a min me quería con loucura. Pero sempre con nós ó seu lado, cos seus fillos e netos de Lugo. Por iso, por moitos anos que pasen, o 28 de decembro, sempre me deixa un sabor amargo na boca. Cústame sorrir porque a súa partida deixoume marcada.

31 de decembro e 1 de xaneiro

Despedimos o ano cunha cea pantagruélica, sen que poidan faltar as uvas da sorte. Corren o viño e os licores. É unha noite para celebrar, despedindo o ano que remata e brindando polo novo. Sucédense os whatsapps, as chamadas de teléfono… as liñas están que arden. Chega o momento dos bos propósitos e ata parece que vai haber xa Goberno…

Con cada badalada lembramos ó avó, que sempre comía as uvas contándoas en voz alta: unha, dúas, tres… Rimos de forma natural coa lembranza dese momento. É a mellor homenaxe. Esta vez contámolas nós en alto por el. Despois desa noite de brillos chega o día 1, no que celebraba a súa onomástica e nos obrigaba a desprazarnos dende calquera punto da xeografía para facer un xantar ó seu lado. Había que acudir á cita gastronómica, no restaurante que dixese, sen gañas polo cansancio na noite anterior e sen fame, por ser estas unhas datas nas que todos estamos xa cansos de tanto comer. E máis en Galicia, onde cada festa, cada xantar e cada cea se convirten nun desfile de pratos contundentes ós que tampouco nos sabemos negar. Certo que é algo que identifica ó Nadal galego… Pero claro que acudíamos, por non faltarlle, por compracelo. Hoxe hai que brindar por el, como facía coa copiña de Sansón. Dalgunha maneira así está presente.

6 de xaneiro

Na miña carta ós Reis Magos pido cousas sinxelas. Escrita está. Agardo que os de Oriente cumpran eses desexos que escapan ós bens materiais. Xa teño falado destas cousas, os lectores xa o saben. Non quero abusar da súa paciencia, posto que este calendario xa se fai longo… Rematarán estas datas de Nadal e chegará o momento das despedidas, collendo cadaquén rumbo para o seu destino. A amarga despedida que inevitablemente obriga a que as bágoas escapen libremente do refuxio no que se atopan contidas dende días atrás… Foron días de momentos especiais, de compartir desexos, soños. Sentidiño e que teñamos un moi feliz 2020! Que a ledicia nos asolague. Tardaremos en vernos, pero o amor está aquí... Como xa sabes, non teño máis intención que chegarche o corazón.

Ruth Fernández

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS