Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Sábado 01.11.2014  | Actualizado 11.48

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

NOTICIAS COTIÁS

Calidade do ensino?

RUTH FERNÁNDEZ  | 19.09.2011 
A- A+

Quen se preocupa hoxe polo ensino de calidade? Quen pensa no fracaso escolar? Son tópicos en boca de todo o mundo, pero á vez problemas que non parecen interesar realmente a ninguén. Do contrario… outro galo cantaría! Semella que a moeda ten máis de dúas caras…

Suprímense prazas. Contrátanse menos profesores. Este ano as cifras son alarmantes. Faltan 200 docentes máis en Educación Secundaria que no curso 2010- 2011. A cifra exacta, segundo os sindicatos, é de 278 profesores menos. Aumentou en máis de cen o grupo de profesores que, ademais da súa especialidade, teñen que impartir entre unha e catro materias que lle son alleas á súa disciplina. Os perxudicados son os alumnos, que non van ter a formación axeitada en cada materia. Pero a ninguén lle importa dabondo. E se temos en conta os recortes en Primaria e Secundariam, UGT fala da cifra de 780 docentes menos.

Baixa o salario. E con menos soldo (o de ‘cobrades de máis, para as horas que traballades’, está en boca de moita xente que non entende o papel primordial da educación na sociedade)… menos dereitos e máis horas lectivas, que se fan reais non só para os Mestres de Primaria que suman as vinte e cinco. En canto ás gardas de transporte escolar pringamos todos. Forma iso parte da nosa misión? Que aliciente nos dan? Como miman a un piar que debía considerarse básico na formación do individuo do futuro?

Ata os propios compañeiros, os de maior idade, que nos atopamos nos centros de Educación Secundaria e Bacharelato nos compadecen, lamentaándose polos tempos que vive o ensino, lamentándose da situación de retroceso que vamos ter que soportar os que comezamos a nosa andaiana profesional na docencia esta década. Eles, indignados, ven como se escapa entre os seus dedos a utopía da xubilación que tiñan a dous pasos, unha meta que se esvacece mentres as bágoas e a rabia os enchen de odio cara ao sistema. Nós xa pensamos nos 67, que fican moi, moi, moi lonxe, agardando que, de aquí a alá, veñan tempos mellores que muden unas medidas tomadas á lixeira.

Os centros colgaron o cartel de ‘open’ para os rapaces de Secundaria e Bacharelato o pasado venres 16 de setembro en Galicia, iso si, faltando aínda moitos profesores que descoñecen cal será o seu lugar neste ano. Por que non se incorporaron os docentes que faltan aos seus postos de traballo? Porque se trata de profesores en expectativa de destino que non aparecían na lista coas vacantes cubertas para este curso académico, docentes coa súa praza ‘nas nubes’. E non se trata só de interinos e substitutos, que tampouco apareceron en certos casos de baixas por maternidade xa coñecidas pola Administración dende o mes de xuño. O curso comeza de xeito caótico. Os ánimos están crispados. Non é para menos! Algúns pensan que con tal de que o profesor sexa considerado autoridade pública é suficiente, igualándoo no seu estatus a un policía ou a un xuíz. Pero esquécense tantas cousas polo camiño… e póñense tantas barreiras a una función tan necesaria como é a da educación… que ninguén sabe como acabará este conto improvisado.

Ruth Fernández


Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS