Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 16.08.2019 Actualizado 13:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A Cámara insta á Xunta a reclamar ao Estado a transferencia dos 700 millóns comprometidos para este ano

O PP pide que se impulse "de urxencia" e a oposición ironiza coa súa "amnesia selectiva"

SANTIAGO. EP  | 10.07.2019 
A- A+

O Parlamento de Galicia instou á Xunta a reiterar ante o Goberno estatal que habilite de maneira urxente os mecanismos legais necesarios para facer efectiva a transferencia dos 700 millóns de euros comprometidos para este ano e que aínda lle debe á comunidade autónoma.

A iniciativa, defendida polo deputado popular Pedro Puy, recibiu o apoio de practicamente a totalidade do arco parlamentario, salvo nove abstencións. Estes 700 millóns correspóndense con 330 procedentes da actualización de entregas a conta do presente exercicio, 200 da devolución do IVE de 2017 e 170 como parte dos incentivos ás comunidades autónomas cumpridoras cos obxectivos de déficit.

Puy criticou que se manteña esta débeda "pechado o primeiro semestre do ano", e lembrou que dentro deste montante uns 530 millóns están incluídos nos orzamentos da Xunta do presente ano.

O deputado popular ha advertido das consecuencias que podería levar esta situación "se se prolonga" no tempo, que no "caso extremo" obrigaría á Xunta a provocar un "axuste do gasto". "Que é o que non queremos facer", matizou Puy

Tamén insistiu en que existen "antecedentes de Gobernos en funcións" aprobando decretos lei "por razóns de urxencia" en materia financeira, polo que considerou que existen "mecanismos" para que o actual executivo de Pedro Sánchez poida sacar adiante estas transferencias

A pesar diso, trasladou a súa "sospeita" e preocupación, dado que os "decretos dos venres" non incluíron até agora estas cuestións e de que o Estado se está quedando con diñeiro" das comunidades autónomas mentres se ameaza con eleccións inminentes no outono".

"Pedimos o apoio para que Galicia teña o que lle corresponde", insistiu, ademais de advertir de que non se trata de "unha investidura a cambio de diñeiro adicional", senón de que a comunidade autónoma reciba "aquilo ao que ten dereito".

"AMNESIA SELECTIVA"
"No fondo da reivindicación concreta estamos de acordo", considerou, pola súa banda, a deputada Noa Presas (BNG), quen asegurou que desde a súa formación non porán "obstáculos" a esta reclamación.

A pesar diso, ironizou con que ao PP "o traxe do agravio quédaselle curto", e reprochou a "amnesia selectiva" deste partido, para os que só hai "dous períodos de desgraza": o goberno bipartito en Galicia e o de Pedro Sánchez.

É por iso que se preguntou se os populares "dálles vergoña" asumir que o Estado siga debendo 188 millóns en Lei de dependencia, que é "legado de Rajoy". "Non nos imos a opor pero pedimos espírito de ambición".

O deputado socialista Xoaquín Fernández Leiceaga tamén considerou que nesta reclamación poderán "coincidir todos", ante a necesidade destas contías "para afrontar os gastos dos servizos públicos". A pesar diso, reprochou que se lle pidan responsabilidades ao "actual Goberno" polo seu trato a Galicia, cunha especie de "España róubanos que non é real".

Así, lembrou que no proxecto de orzamentos que non foi aprobado "estaban incluídas" estas transferencias, e que os que votaron en contra foron os que provocaron estes efectos". Finalmente, tamén avogou por reivindicar estas contías a "un goberno efectivo", en lugar da un executivo "en funcións".

"O TRES DEREITAS"
Antón Sánchez, por parte do grupo de En Marea, trasladou o seu apoio á iniciativa posto que a súa formación non actúa "como o Partido Popular, en función da cor", aínda que se preguntou "como vai contribuír" o PP "á gobernabilidade" do Estado despois de criticar no seu día que os "radicais" tratasen de impedila no caso de Mariano Rajoy.

Así reprochou que desde o PP prefírase "pactar antes coa extrema dereita que con formacións democráticas" que defenden "lexitimamente" a independencia das súas nacións.

Finalmente, Luís Villares (grupo mixto) tachou á iniciativa de "clásico popular", e reprochou que o PP propoña algo en Galicia que "non reclamaría" se gobernasen no Estado, ironizando coa "incoherencia" de Feijóo, que nuns meses "pasa de autonomista a centralista" e "a pasearse por Colón do ganchete do tres dereitas".

CHAMADA Á ORDE
Despois de que Villares finalizase a súa intervención, na que de novo insistiu en trasladar a postura do grupo de En Marea, o presidente da Cámara, Miguel Anxo Sántalices, reiteroulle que actualmente representa ao Grupo mixto.

Así, chamou á orde ao deputado e retirou do diario de sesións as afirmacións de Villares en nome do outro grupo parlamentario, unha situación que se veu repetindo ao longo do pleno.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS