Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O PP rexeita ampliar a comisión de caixas

A Cámara pide que os supervisores investiguen ao Banco Popular

A iniciativa aprobada por unanimidade tamén pide medidas para traballadores, clientes e Fundación

SANTIAGO. EP  | 12.07.2017 
A- A+

O Parlamento galego pediu por unanimidade dos grupos que os órganos de supervisión bancaria e do mercado investiguen as últimas ampliacións de capital do Banco Popular, que concluíron coa súa venda por 1 euro simbólico ao Banco Santander.

Previamente, o voto en contra do PP impediu que saíse adiante outra iniciativa que pretendía ampliar o obxecto da comisión das antigas caixas de aforro para investigar a caída desta entidade.

O debate de dúas proposicións non de lei, este mércores no pleno, centrouse no sistema financeiro galego e, en concreto, na perda do Popular-Pastor.

Primeiro foi cun texto do BNG, o rexeitado polos populares (apoiado por En Marea e ante o que os socialistas se abstiveron), sobre a ampliación da comisión das caixas para investigar o caso do Popular.

Despois, cunha proposta do PSdeG, no sentido da que recentemente recibiu tamén o apoio unánime dos grupos na comisión de economía, e que nesta ocasión era dos socialistas e foi transaccionada co PP.

REXEITAMENTO Á AMPLIACIÓN DA COMISIÓN

En canto á solicitude do Bloque, o portavoz do PP galego no Pazo do Hórreo, Pedro Puy, argumentou que "o lóxico é que se investigue onde corresponde e non na Cámara galega".

A encargada de defender o texto, a nacionalista Noa Presas, advertiu de que ao seu grupo non lle "vale" o papel do Congreso, nin o do Estado, nin o dos organismos reguladores, despois de todo o ocorrido.

"Botar balóns fóra ao Estado español non nos vale", incidiu, antes de avisar aos populares de que "non querer ampliar este obxecto de investigación é ser cómplices". "Ou estamos do lado dos estafados ou estamos do lado dos estafadores", sentenciou.

Pola súa banda, durante a súa intervención, o socialista Abel Losada cargou contra o "crime perfecto" na reestruturación bancaria, posto que, segundo ironizou, "hai políticas pero non hai culpables".

O deputado de En Marea Manuel Lago considerou que "a cidadanía se ten que revelar contra a gran estafa financeira", e tras o "fracaso" dos organismos supervisores e dos órganos de control.

"SOLIDARIEDADE COS AFECTADOS"

Xusto a continuación tomou a palabra a parlamentaria do PSOE Begoña Rodríguez Rumbo, quen finalmente acabou lendo un texto transaccionado coa emenda do PPdeG.

Unha iniciativa que foi aprobada por unanimidade, a pesar de que a deputada do Bloque Noa Presas pediu ser "máis ambiciosos" e o de En Marea Manuel Lago lamentou que sexa "triste" tendo en conta todo o que sucedeu.

E unha proposición non de lei que manifesta a "solidariedade" da Cámara con todos os traballadores do banco, da fundación, das empresas auxiliares e da clientela afectada.

Así mesmo, chama a defender ante o Santander o mantemento da condición xurídica de filial de Pastor, integrada dentro do grupo.

Reclama, tamén, velar por que o cambio na propiedade teña para Galicia o "menor impacto" sobre crédito e emprego. No caso de que haxa axuste, solicita que sexa tamén co "menor impacto" posible.

A maiores, solicita da dirección do Santander unha compensación ás perdas sufridas polos pequenos accionistas do Popular-Pastor, con "especial consideración" aos que acudiron á última ampliación de capital, para que poidan recuperar o seu investimento.

Por último, e xunto á petición de investigación a cargo dos supervisores sobre esta operación de ampliación, demanda que os novos propietarios "manteñan os compromisos" coa Fundación Barrié, para que poida seguir desenvolvendo o seu labor "cos recursos suficientes".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS