Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.09.2019 Actualizado 20:16
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Camiño de perder outra oportunidade

XOSÉ A. GACIÑO  | 06.09.2019 
A- A+

Agora que todos estabamos convencidos de que se ían repetir as eleccións xerais, volven xurdir as especulacións sobre as posibilidades dun acordo entre PSOE e Unidas Podemos, aínda que sexa como forma de animar as audiencias nos medios informativos. Bastou que os socialistas reelaborasen un programa no que incorporaron varias propostas importantes dos seus aínda denominados “socios preferentes” (programa, por certo, que o mesmo pode servir para un novo debate de investidura que para emprender unha nova campaña electoral), ou que o líder de Podemos comente que algunhas das 370 medidas presentadas polo líder socialista “soan ben” (quizais precisamente as que lles tomaron prestadas?), ou que o Partido Nacionalista Vasco e Esquerra Republicana de Catalunya sigan a mostrar a súa disposición a facilitar a investidura de Pedro Sánchez. Despois de máis dun mes coa política española en coma (non sei se inducido), á espera de espertala o 23 de setembro para convocala ás urnas, calquera xesto, calquera matiz, por parte de calquera, serve para avivar esperanzas do sempre sufrido electorado de esquerdas ou, polo menos, para proporcionar novas ocasións de revolver argumentos nas tertulias radiofónicas e televisivas, que tiñan o disco raiado desde o 25 de xullo.

Non é por romper o novo encanto mediático de volver manter o suspense cara un novo debate de investidura (se realmente se produce), pero este era, máis ou menos, o ambiente antes e durante as sesións e votacións de investidura do 22 ao 25 de xullo, cando non se chegou ao pacto de esquerdas por ministerios de máis ou de menos e con máis ou menos competencias. Daquela, e sen necesidade de pensar que PSOE e UP, coas súas tensións previas, estaban a escenificar unha farsa e que rematarían pactando (como afirmaba Ciudadanos, por exemplo, que quizais falaba desde o coñecemento do grado de farsa que eles escenificaban con Vox antes de chegar a acordos), eran moitos os que pensaban que, a pesar das súas diferencias, as esquerdas non serían capaces de perder outra oportunidade de sacar adiante un goberno progresista.

O de agora é como volver empezar, con posturas moi parecidas ás iniciais do primeiro intento e sen que, unha vez reiterada a tendencia suicida, se advirtan propósitos de emenda nin leccións aprendidas dunha experiencia frustrante. E xa non estrañaría nada que algúns encaixasen na opinión que o ministro israelí Abba Eban tiña do líder histórico palestino Yaser Arafat: nunca perde a oportunidade de perder unha oportunidade.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS