Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.05.2019 Actualizado 12:54
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Campaña con perspectivas de bloqueo

XOSÉ A. GACIÑO  | 22.02.2019 
A- A+

Ben pode dicirse que a última sesión de control do goberno no Congreso dos Deputados, a punto de ser disolto, foi o arranque da campaña electoral (ao arranque da precampaña non son capaz de poñerlle data) para esas eleccións xerais do 28 de abril, marcadas polo espírito de reconquista enarborado polos novos cruzados da España eterna e asumido polas outras opcións de dereita, que foxen do centro para intentar cortar a fuga de votos que se lles vai para a extrema dereita. Nesa sesión parlamentaria, todos os líderes pediron abertamente o voto, como se do mitin de cerre de campaña se tratase.

Algúns mesmo trazaron as súas liñas vermellas en materia de pactos, os seus e os dos demais, sobre todo a xa clásica lenda urbana do imaxinario pacto de Sánchez cos independentistas cataláns, que veñen de tombarlle os orzamentos e de provocar así o adianto electoral. Especialmente rotundo móstrase Ciudadanos anunciando que non pactará nin con Pedro Sánchez nin co PSOE. Unha rotundidade que parece que ninguén -excepto o propio PSOE- se cre, situándoa dentro do xogo de acusacións mutuas que se desenvolve nas campañas electorais.

O certo é que a deriva dereitista de Ciudadanos quizais está a resultar o elemento verdadeiramente determinante na confusa situación política, máis que a irrupción de Vox. Se o partido de Albert Rivera tivese mantido a posición centrista coa que dou o salto da política catalá á política española (presentándose como formación liberal progresista, mesmo con chiscadelas socialdemócratas), quizais estaría a xogar o papel moderador e rexenerador ao que dicía aspirar. Coa súa actual aliñación coa dereita máis dura (Vox e a actual dirección do PP) parece darlle a razón a Podemos, cando, no 2016, rexeitou rotundamente o seu apoio (ou a súa abstención) á investidura de Sánchez por considerar a Ciudadanos (que subscribira un pacto de lexislatura cos socialistas) unha forza retrógrada deseñada polo Ibex 35. Non é cuestión de volver agora sobre situacións de hai tres anos, que soan xa case a prehistoria, pero seguramente a actitude de Ciudadanos non sería agora a mesma (nin tampouco o panorama político) se Podemos tivese facilitado aquela investidura coa metade do entusiasmo, por exemplo, que empregou na moción de censura (na que non tivo tantos melindres para coincidir coa dereita nacionalista catalá de pasado tan tocado pola corrupción).

Por suposto, o pano de fondo do grave problema catalán, visualizado nun xuízo que transcorre en paralelo ao debate electoral, engade crispación ás manipulacións de partidos que queren sacarlle rédito político e que, para elo, non vacilan en quentar o ambiente ao máximo. O peor é que as expectativas que marcan as enquisas non debuxan un panorama moi clarificador. Pode seguir alargándose a sombra do bloqueo que arrastramos desde 2015.

 

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS