Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

NOTICIAS COTIÁS

Cándido Pazó

RUTH FERNÁNDEZ  | 28.05.2012 
A- A+

O pasado 23 de maio foi un día especial na Gudiña. Os alumnos e profesores do CPI Laureano Prieto contamos coa compaña dun dos humoristas máis coñecidos no panorama galego, Cándido Pazó, que está a levar por toda Galicia un espectáculo singular, a súa versión persoal da obra cumio de Xosé Neira Vilas. Baixo o nome de ‘Memorias das Memorias dun neno labrego’ está a percorrer toda a Comunidade Autónoma, con máis de 60 funcións, despois do seu estreo en Santiago de Compostela en xaneiro de 2011.

Con motivo da entrega de premios dos certames literarios Carlos Caneiro que convoca o centro, o actor vigués fíxonos rir a esgalla, facéndonos partícipes dun espectáculo cheo de humor, na súa faceta de monologuista. Compartimos co director da obra titulada O merlo branco máis dunha hora de risos e gargalladas que rematou coa xuntanza arredor dun xantar que tivo como broche de ouro a deliciosa bica de Laza.

Cómpre engadir que, logo de amosar as súas dotes como actor de teatro, o director retratouse cos rapaces que asistiron ao acto e concedeulles unha pequena entrevista que os alumnos de 4º de ESO van incluír no xornal escolar. Ademais das fotografías, queda na memoria a cara amable dun galego que demostra sentir paixón polo que fai, que defende a nosa lingua empregándoa como instrumento de comunicación no seu día a día. Ese foi o noso xeito de festexar o Día das Letras Galegas, este ano adicado a Valentín Paz Andrade.

Pazó, despois dunha formación autodidacta, acudiu a Francia para seguir actualizando os seus coñecementos teatrais e hoxe é un dos referentes da escena galega. Un aplauso, dende aquí. Como sempre digo, grazas polo tempo compartido e que sigan mil primaveras máis para o teatro, o humor, a palabra galega.

Ruth Fernández

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS