Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 13.12.2017 Actualizado 17:49
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Cando daquilo fai corenta anos

JOAQUIM VENTURA  | 14.06.2017 
A- A+

O relato oficial –máis oficialista se cabe se o manexa o PP- daquelas eleccións de 15 de xuño de 1977 saúda a efeméride como se aquel día fose xa o súmmum da explosión democrática. Tal relato non pretende outra cosa que agochar as (obvias) carencias que había para soster o actual sistema constitucional, gravemente afectado pola corrupción e o conflito territorial.

Saudar aquelas eleccións como democráticas –malia a mellor vontade dos franquistas reformistas, con Adolfo Suárez á cabeza- é non entender que significa a democracia. En primeiro lugar, porque malia a derrogación dunha parte da lexislación represora, o marco xeral aínda era profundamente arbitrario (vixentes as Leyes Fundamentales del Reino, modificadas na súa concreción pola Lei para a Reforma Política). Porque malia a legalización do PCE/PSUC, en xuño de 1977 aínda había moitos partidos non legalizados (todos os restantes de extrema esquerda, os nacionalistas e republicanos), aínda había presos e sancionados por causas políticas e malia a tolerancia, a única lingua oficial era o castelán.

A legalización dos comunistas era a coartada (difícil coartada fronte aos inmobilistas) que homologaba como democráticas aquelas eleccións de xuño de 1977. Quen daquela era a miña muller e máis eu –ben noviños e apenas un ano casados- militabamos en OCE (BR), un dos partidos non legalizados que non aceptou a camuflaxe nunha coalición de circunstancias. Por iso, porque non podíamos votar aos nosos, optamos polo boicot activo e para iso nada mellor que coller vacacións.

Lembrado hoxe, dobramos aquel aforismo de Jaime Gil de Biedma que sostiña o exercicio nostálxico deste agora que de case de todo fai vinte anos. Así pois, estando empadroados en Barcelona, en xuño fomos tres semanas a Vigo, lugar de residencia do meu sogro, que ficara viúvo dous meses antes. Uns días repartidos entre un apartamento que tiña en Praia América (Nigrán) e o seu piso na Gran Vía de Vigo. No apartamento non tiñamos televisión e para seguir a campaña electoral, nin que fose pola novidade, de tanto en tanto íamos a algún bar da zona.

Lembro certa tarde que comezamos cunha merenda de marisco e albariño, seguimos co seguimento de actos electorais pola televisión dun bar e rematamos con máis viños na compaña dun tipo que dixo ser dinamiteiro profesional. O resultado foi unha candonga de campionato con regreso cantando todo o cantable, desde “A Internacional” ao “Duerme, negrito” e un burato negro na miña memoria do anaco recorrido entre o bar “Angelito” (o mellor daquela en Praia América) e o apartamento, polo camiño que tempo atrás aloxara o tranvía Vigo-Baiona.

O día das eleccións non quixemos ser alleos á aquela primeira festa da democracia, definición que cos anos deveu tópica e, en consecuencia, desgastada. Instalados xa no domicilio do meu sogro, na Gran Vía viguesa, non lembro que fixésemos nada especial para un día de vacacións: o aperitivo, xantar, algún paseo. Despois de cear e retirado un anaco despois o meu sogro, tiñamos decidido pasar a noite en vela á espera de resultados. Daquela, por non haber, non había enquisas fiables nin moito menos as chamadas “israelís” feitas a pé de urna, que adiantan proxeccións de voto e se dan a coñecer xusto despois de pechar os colexios.

Lembro daquela noite a serie italiana “El marsellés” (‘Il marsigliese’ en título original), producida pola RAI, con Lina Polito, Vittorio Mezzogiorno e Renato Mori nos papeis principais. Os seus tres capítulos, de un en un, servían para encher os baleiros entre as comparecencias de Rodolfo Martín Villa, daquela ministro da Gobernación. A serie era entretida, cómpre recoñecelo, pero máis divertidas eran as aparicións do ministro, persoa non precisamente dada á facilidade de palabra, circunstancia a engadir a falla de práctica para dar resultados.

Non era crueldade cara a el pero para quen desde mozo estivo á sombra do partido único, resultaba polo menos curioso os atrancos que atopaba o ministro para dar o nome de todas as forzas concorrentes, algunhas de circunstancias, para o Congreso dos Deputados e moi especialmente para o Senado, nomeadamente certas forzas insularistas, rexionalistas e nacionalistas. Tal vez daquela aprenderon que con citar aos que teñen probabilidade de escano, abonda. 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS