Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Venres 28.11.2014  | Actualizado 14.16

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS
  • Imprimir
  • Enviar por correo

O SAL DA TERRA

Cando Picasso chegou a París

JOAQUIM VENTURA  | 09.08.2011 
A- A+

É un tópico que case sempre os grandes artistas tiveron un recoñecemento relativamente serodio. Ou, polo menos, non na súa mocidade. O caso máis flagrante é o de Vincent Van Gogh e quizáis por iso a escasez de obra súa circulante provoca que estea moi cotizada: a máis dela deu para o museo que Amsterdam lle dedicou.

Ben ao contrario sucedeulle a Pablo Ruiz Picasso, quen chegou a París en 1900, con dezanove anos e cunha formación artística que cabería considerar provinciana, sen rachar aínda os esquemas figurativos. Daquela etapa na capital francesa que durou ata 1907 e que supuxo a eclosión do xenio, os museos Van Gogh e Picasso de Barcelona presentan unha interesante exposición que estivo en Ámsterdam esta primavera pasada e que ata mediados de outubro poderá ser visitada na capital catalá.

Resulta evidente a pegada dos impresionistas naquel Picasso novo: desde as escenas de cabaret de Toulouse-Lautrec ata a mitoloxía das bañistas de Cézanne pasando polo vigor da pincelada de Van Gogh. Alén, sucesos sobrevidos –como o suicidio do seu amigo e colega en París Carles Casagemas en 1901- leváronlle a limitar o abano de cores para se centrar no azul, de xeito de dar unha dignidade poética ás novas obras.

Alén do privilexio que supón a contemplación de diversos cadros do holandés, a contextualización daquel arranque do malagueño permete observar as influencias que recebiu dos artistas que daquela residían en París e de obras que a ela chegaran. Entre eles o catalán Ramon Casas ou as pinturas xaponesas ou de inspiradas nelas, como a "A cortesana" de Van Gogh, que levaron a Picasso a encarar o retrato da actriz Sadayakko. A iso non foi alleo o temperán coleccionismo de grabados shunga, de temática erótica, impresos nos séculos XVIII e XIX e que foron expostos hai dous anos en Barcelona.

Despois da súa primeira exposición en 1901 na galería Vollard, Picasso encarou unha etapa cromática que oscilaba entre o impresionismo e o que despois sería a fauvismo ("A anana"), para deixar despois que o azul dominase en cadros como os retratos de Jaume Sabartés e del mesmo con barba, "A vida", "Parella de pobres" ou "Muller melancólica", obras estas de clara influencia simbolista.

Rematada esta etapa cara a 1905, Picasso seguiu a devorar influencias, esta vez das esculturas africá e polinesia, que o levaron a un novo risco máis preciso e esquemático, como sería o dos retratos de Gertrude Stein e del mesmo con paleta ou "O peiteado". Picasso marchou a devorar París e abofé que o conseguiu.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS