Xoves 09.09.2010  | Actualizado 10.57      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Galicia  |  RSS - Galicia RSS

enerxía

O canón do Sil sálvase da desfeita

22.08.2007 O Ministerio de Medio Ambiente denega o proxecto de Iberdrola de furar o macizo para construír unha central soterrada e invítaa a elixir un lugar máis axeitado para a industria

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

REDACCIÓN . SANTIAGO

Impresionante vista da ruta dos catamaráns do Sil FOTO: A.Hernández
Impresionante vista da ruta dos catamaráns do Sil
FOTO: A.Hernández

O Canón do Sil non acollerá unha central hidroeléctrica soterrada. Así o asegurou onte o Ministerio de Medio Ambiente, quen xa lle recomendou a Iberdrola que busque unha alternativa a súa pretensión de instalar unha central en pleno corazón da Ribeira Sacra, en zona Rede Natura 2000.

O proxecto da eléctrica prevía furar o macizo que conforma o Canón do Sil e construír unha central subterránea co obxectivo de bombear pola noite auga do río Sil ata o cumio do canón, para logo turbinala polo día e xerar electricidade. Deste xeito, a infraestrutura contemplaba a construción dunha central de bombeo/turbinado soterrada a carón do xa existente encoro de Santo Estevo, de onde se elevaría a auga até un encoro artificial de nova creación, que tería unha extensión media de 37,5 hectáreas. A presa estaría a uns 800 metros río arriba, no cumio do macizo.

A pesar de que o proxecto de Iberdrola está sendo sometido a un proceso de avaliación ambiental, requisito previo ó pronunciamento da Confederación Hidrográfica do Norte, Medio Ambiente aseguroulle en resposta parlamentaria ó BNG que o proxecto non se levará adiante polo posible impacto á paisaxe da Ribeira Sacra, espazo que reúne importantes valores culturais e naturais. De feito, o departamento que dirixe Cristina Narbona consultou a conveniencia do proxecto tanto coa Xunta de Galicia como con colectivos veciñais e ambientais, que desaconsellaron a localización prevista para a central polos seus "graves efectos ambientais".

 

Importante movemento de terras

O Ministerio de Medio Ambiente envioulle a Iberdrola informes da Consellería dirixida por Manuel Vázquez contrarios á localización nesta zona e recoméndalle outras alternativas fóra do ámbito xeográfico do proxecto.

Do mesmo xeito, dende a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), informaron o ministerio do seu temor de que dita infraestrutura "supoña unha brutal alteración paisaxística nun lugar de excepcional beleza e atractivo turístico". Así, para Adega, esta "obra faraónica" implicaría un importante movemento de terras e unha intervención profunda que furaría todo o macizo protexido pola Rede Natura 2000, provocando un "ferinte impacto" nun lugar onde a paisaxe constitúe o seu valor e atractivo fundamental.

 

"Obra faraónica" que non logra excedente de enerxía

Ademais, dende Adega xa se cuestionou no seu momento a obtención de enerxía hidráulica por bombeo, xa que, segundo os datos dos que dispoñen, non consegue excedente de enerxía ó consumir no bombeo a mesma enerxía que se turbina polo día.

Xa que logo, dende o Ministerio de Medio Ambiente aconsellóuselle á eléctrica Iberdrola que o estudo de impacto desta central hidroeléctrica se faga "sobre a formulación de novas alternativas para a localización deste proxecto que non afecten negativamente nin a este valioso espazo natural protexido nin á paisaxe da Ribeira Sacra".

 

O DATO

Marcha atrás dos plans de San Pedro e Monte Furado

O rexeitamento do Goberno central á hidráulica do Canón do Sil afecta tamén a outros dous proxectos previstos en San Pedro e Monte Furado, tamén no río Sil. Deste xeito, Iberdrola tiña proxectado para estes dous cumios aplicar o mesmo sistema de bombeo/turbinado que o deseñado para o macizo protexido, idea que tamén foi rexeitada dende Medio Ambiente, xa que, a pesar de que as súas dimensións son menores que as do Canón, o impacto paisaxístico e natural rexistra a mesma gravidade.

Adega acolleu onte cunha gran satisfacción a decisión do Executivo central de impedir que Iberdrola leve a cabo "esta desfeita" na zona, sentando un precedente e un cambio na política de concesións. "O Sil é de Ibedrola", denuncia Xan Carlos Fernández, representante de Adega na zona, quen asegura que este xa é un "río morto, sen corrente viva, no que atopamos encoro tras encoro".

Xan Carlos Fernández comunicou que no próximo mes de setembro se reunirán con representantes do Ministerio para abordar os proxectos doutras doce minicentrais en diferentes ríos para tentar poñerlles couto ós encoros nos ríos galegos, seguindo o mandato da Inicitiva Lexislativa popular: "Non podemos seguir ocupando o pouco que nos queda".

ALERTA NO UMIA

Esixen a paralización inmediata das obras de Hermida

Adega reclamou onte a "paralización inmediata" das obras da central hidroeléctrica do Salto da Hermida, no municipio pontevedrés de Cuntis, ao considerar que causa "danos de carácter irreversible no ámbito natural no que se atopa".

Adega pídelle ademais explicacións ao delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente en Pontevedra, así como á Alcaldía de Cuntis, "por non facer seguimento das obras", que segundo os ecoloxistas "invaden camiños públicos".

Así mesmo, consideraron que estas obras son "unha máis das agresións" que se levan a cabo no río Umia, que é "de vital importancia" para o abastecemento de 100.000 veciños, polo que advertiron de que denunciarán a situación se non se adoptan as medidas de paralización e revisión.

Ademais, apuntaron que a nova obra hidráulica representa a posibilidade de que se repita o problema ambiental e sanitario da microalga Microcystis no encoro da Baxe, en Caldas, que obrigou a Xunta a adoptar medidas de protección para o abastecemento de auga á poboación.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS