Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Xoves 23.10.2014  | Actualizado 00.56

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Cantadores da terra

JOAQUIM VENTURA  | 07.03.2012 
A- A+

A forma máis elemental de musicar é a voz humana. E se falamos dunha instrumentación, a percusión. Pero mentres esta é unha axuda para o baile ou para o cante, a voz é capaz de transmitir sentimentos, emocións, historias. Nas terras meridionais de Europa o berce da música popular foi o canto monódico relixioso, evoluído co tempo á polifonía, un de cuxos restos máis coñecidos é a música tradicional corsa. En troques, nas diversas terras que compoñen España as máis das maneiras de cantar populares teñen unha orixe andalusí. Inclusive aquela entre nós pasa por enxebre, como a das cantareiras.

 As manifestacións máis salientables herdadas da música andalusí son a xota e os cantos que derivaron no xénero flamenco. Pero así como a primeira está presente en case toda a xeografía hispànica, expandida desde Valencia, o segundo ficou inicialmente limitado ás terras andaluzas. Con todo, nas terras que foron musulmanas ata ben entrado o século XIII e que non foron conquistadas por Castela-León senón por cataláns e aragoneses, quedou un xeito de cantar moi semellante.

 

E durante anos esa maneira de cantar ficou esquecida polas culturas oficiais: pola española –que fixo da xotas aragonesa unha expresión do españolismo máis rancio- e pola catalanista, que fixo da sardana a danza nacional en detrimento das xotas das terras do Ebro. Porén, a teimosía dos músicos daquelas terras –cómpre salientar o labor do grupo “Quico el Cèlio, el Noi i el Mut de Ferreries”- fixo que a xota pasase a ser unha música de festa e reinvidicación, xa que logo na campaña contra o pretendido trasvase.

 

Do mesmo xeito, en terras valencianas o catalanismo cultural e político esqueceu ás veces eses cantos labregos. Os primeiros en recuperar as vellas maneiras de cantar foron os membros do veterano grupo “Al Tall”, coa voz de Miquel Gil, que xa hai uns anos encetou unha carreira en solitario. Pero a estirpe dos cantaors tradicionais non desapareceu e velaí Pep Gimeno, “Botifarra”, de Xàtiva, e o máis novo Carles Dénia, de Gandia. Este,alén de cantaor, é un guitarrista de jazz de prestixio internacional. Hai tres anos e fuxindo de tópicos folkloristas co seu grupo “La Nova Rimaire” publicou Tan alta com va la lluna, un disco que sen esaxerar podemos considerar unha filigrana e así o entendeu a crítica musical.

 

Hai uns días os “Quico el Cèlio, el Noi i el Mut de Ferreries” e Pep Gimeno, coa “Rondalla de la Costera”, presentaron un traballo conxunto no Palau de la Música de Barcelona, unha vez o rodaron en diversos escenarios cataláns e valenciáns. Cancións xa coñecidas pero que actuaron de espello coas do cantaor xativí. Unha festa da música popular, servida co habitual humor dos tortosinos.


Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS