Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.06.2019 Actualizado 20:57
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O carballo de Antonio Fraguas

Plantación do carballo
Plantación do carballo

M. DE BRAN  | 12.04.2019 
A- A+

O instituto Antonio Fraguas de Santiago celebrou o 8 de abril varios actos dentro da súa semana cultural dedicada a D. Antonio Fraguas Fraguas, patrón deste centro e honrado este ano co Día das Letras Galegas.

Despois dunha conferencia de Víctor Freixanes, presidente da RAG (Real Academia Galega), coa asistencia do alumnado e docentes do centro así como de varias autoridades, o botánico e profesor do instituto Carlos Rodríguez Dacal, presidiu o acto da plantación promovida por el dun carballo en honor de D. Antonio, no xardín de diante da entrada do instituto. O carballo foi traído de Cotobade, de onde era D. Antonio. E parte da terra para aquelalo, veu da casa del alá.

Despois dunha breve actuación do grupo musical escolar do centro, a modo de presentación, Dacal pronunciou un emotivo discurso no que destacou o amor de D. Antonio pola natureza galega. Citou varios carballos monumentais de Galicia dos que el falaba. Salientou a profunda vinculación de D. Antonio con Santiago e maila súa gran calidade humana, que tivo a ocasión de coñecer sendo profesor compañeiro del no instituto Rosalía Castro desta cidade.

Despois deste discurso, varios alumnos recitaron cantares relacionados co carballo recollidos por D. Antonio na súa obra Aportacións ó Cantigueiro de Cotobade. E o acto rematou con outra actuación do dito grupo musical durante a plantación do carballo.

O xardín no que se plantou esta árbore simbólica é coma unha pequena illa verde cadrada de 9,6 metros de lado do Concello, situada no medio da ancha beirarrúa da rúa de Londres. E que está rodeada por un bordo de granito para conter a súa terra. O burato para plantar o carballo foi cavado no medio e medio dela uns días antes da plantación, para que se fose aireando a terra, como nunha das súas famosas cartas morais a Lucilo lle explica Séneca que se debe facer. Os asistentes ó acto fóronlle botando cadansúa padexada de terra mol ó carballo, que quedou rodeado por varias rochas esquistosas procedentes da mesma zona da cidade. E con todo, esta pequena illa verde transformouse nunha bella estampa galega da chamada Natural Art, que utiliza os recursos naturais para expresar a fermosura da natureza.

Lugar da plantación do carballo

Con frecuencia os carballos son vistos polos literatos galegos coma a árbore secular sagrada dos celtas que mellor caracteriza Galicia, comezando pola principal representante da nosa cultura, Rosalía de Castro, para quen a natureza que sentía era a galega. No seu poema “Los robles”, da súa obra “Orillas del Sar”, dóese da corta deles, como se dunha mutilación do monte se tratara. E, polo tanto, deste gran ecoicidio medioambiental cometido no tempo dela para carbón da siderurxia e trancas das vías do tren. E antes, para construír barcos.

Esta deforestación dos carballos, debido ó seu escaso rendemento económico, é coma o raio que non cesa de Miguel Hernández e moi prexudicial para o medioambiente. Porque, entre outras razóns ecolóxicas, unha árbore mediana destas, coas súas retorcidas ramas mechas de follas verdes, produce varios metros cúbicos de osíxeno diarios, para mellorar o medioambiente contaminado das cidades. Gas vital do que as persoas necesitamos respirar de 5 a 6 litros por minuto, ou sexa, de 7,2 a 8 metros cúbicos ó día. Polo tanto, a plantación dun carballo coma o de D. Antonio é un acerto medioambiental ademáis dun excelente exemplo pedagóxico para o alumnado do centro que leva o seu nome.

El era un amante desta árbore e da súa terra coma todo bo galego, dos que Rubén Darío definiu no seu poema “Canto a la Argentina”, como “firmes gallegos de roble”. Pois foi firme fisicamente por vivir 93 anos con lucidez, sen parar de escribir artigos. E tamén o foi espiritualmente toda a súa longa vida por non renunciar nunca ó seu galeguismo, a pesar de ser perseguido con saña polo franquismo, que chegou a pasealo polas rúas da Estrada e a expulsalo do ensino público que impartía no instituto desta vila antes da Guerra Civil, por ser un defensor da lingua e cultura galegas. Instituto que actualmente leva o nome doutro galeguista tamén expulsado do ensino polo franquismo, o mestre Manuel García Barros (Ken Keirades).

Coa chegada da democracia, era unha delicia oírlle espallar a D. Antonio a cultura galega pola radio para toda España. Recordo un día que gocei oíndolle falar dos magostos polo tempo deles, condo eu ía só no coche escoitando a radio polo Pirineo cara ó Principado de Andorra, por estar alá de profesor en comisión de servizos. E onde os docentes celebrabamos os magostos co alumnado e cos pais nunha praza pública de Andorra la Vella co permiso do Gover, a pesar de que naquel afastado país non había castiñeiros por culpa do frío, ós que D. Antonio lles chamaba a árbore da fartura.

Finalmente, os profesores e profesoras cofundadores deste instituto de Santiago estamos orgullosos de promover por unanimidade en vida de D. Antonio o nome del para representalo desde 1994, por ser un gran exemplo para a natureza do ensino galego e o alumnado. E a comunidade escolar deste centro espera que o dito carballo, cargado de simbolismo en honor de D. Antonio, medre moito e sexa fermoso para recordalo a el, o seu amor polas cousas e natureza galegas e por esta cidade, que o acolleu como fillo adoptivo. E que acolle agora o carballo del co mesmo agarimo.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS