Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 15.10.2019 Actualizado 14:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Carlos Callón traballará para que a candidatura galega sexa "a casa común de encontro" dos que "aman Galicia"

O expresidente da Mesa pola Normalización é candidato a liderar a lista de Nós-Candidatura Galega ao Congreso por A Coruña

Carlos Callón - FOTO: EP
Carlos Callón - FOTO: EP

SANTIAGO. EP  | 03.11.2015 
A- A+

Carlos Callón, o expresidente da Mesa pola Normalización Lingüística e candidato a liderar a lista de Nós-Candidatura Galega ao Congreso por A Coruña, comprometeuse este martes a traballar para que a candidatura galega sexa "a casa común de encontro" de todas aquelas persoas que "aman Galicia".

En declaracións a Europa Press, Callón xustificou a súa volta á vida pública un ano e medio máis tarde de deixar a presidencia da entidade cultural en que "Galicia se esvaece como nación" en todos os indicadores. "Demográficos, culturais, económicos, de calidade democrática,...", enumerou, para resaltar: "Os que amamos Galicia non podemos quedar no sofá vendo a catástrofe".

Neste sentido, expresou a súa "convicción" de que a candidatura articulada pola plataforma Iniciativa pola Unión, próxima ao BNG, servirá para "parar as políticas de Rajoy e Rivera", aos que considerou, xunto co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "os dous grandes inimigos do país".

Ao fío diso, opinou que "hai moitas ansias" por parte de distintos segmentos da poboación de frear á dereita. Polo tanto, preguntado sobre o fracaso do proceso de confluencia da esquerda galeguista e nacionalista, Carlos Callón apelou a "activarse" en defensa da comunidade en lugar de quedar "na casa queimado ou desmotivados".

O obxectivo final, segundo as súas propias palabras, é que esta candidatura "saia forte" para que, con iso, Galicia "conte" no Congreso dos Deputados dende a óptica do "apoio ás maiorías sociais".

PROCESO DE ELECCIÓN

En canto ao proceso de elección dos integrantes da lista, sinalou que xa se apuntaron case 6.000 persoas para votar o próximo domingo. "Non coñezo unhas primarias tan abertas en todo o Estado", destacou.

Para encabezar a candidatura terá que medir as súas forzas coa exdeputada do BNG Tereixa Novo, e ambos os dous comprometéronse a votarse mutuamente porque son "dúas caras para o mesmo proceso". Ademais, Callón resaltou o "moito afecto persoal" que sente pola nacionalista.

Entre os seus apoios, citou dende o da súa nai -"un exemplo" para el, como resaltou- ao da viúva de Manuel María, Saleta Goi; o do comentarista político e exalto cargo do bipartito Antón Losada; o do histórico sindicalista Suso Díaz, pai da líder de Esquerda Unida, Yolanda Díaz; e o do xornalista Xosé Manuel Pereiro.

Finalmente, á vista de que non foi posible lograr a unidade da esquerda nacionalista e galleguista, animou a "facer dende abaixo", cos votos dos que decidan participar, "o que dende arriba non se puido facer". "Construamos a unión dende abaixo", proclamou.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS