Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 22.08.2019 Actualizado 13:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Medio natural ·· POLÉMICA

Carnota defende a protección "rendible" do Monte Pindo

O alcalde, José Oreiro, móstrase favorable á preservación deste espazo único a cambio de que achegue beneficios económicos ós seus habitantes ·· Rexeita a iniciativa veciñal posta en marcha co apoio de Adega e universidades, que reclama a declaración de parque natural por considerala "interesada e partidista"

R. FERNÁNDEZ . SANTIAGO   | 16.11.2010 
A- A+

JAVIER TOBA
O Monte Pindo álzase a trescentos metros sobre o nivel do mar
FOTO: JAVIER TOBA

A protección do medio natural volve ser motivo de enfrontamento. Desta vez, na Costa da Morte, onde a iniciativa veciñal que pide a declaración do Monte Pindo como o sétimo parque natural galego non sentou nada ben entre o goberno local de Carnota, favorable a preservar a contorna sempre e cando sexa rendible e beneficie ós veciños. Así quedou constatada na mesa redonda celebrada este sábado no propio concello, na que a asociación Monte Pindo Parque Natural convidou a todos os sectores da comarca para explicar os motivos desta reivindicación e os seus beneficios, dos que sobresaen fundamentalmente dous: promover o ordenamento do territorio e atraer investimento para dinamizar a zona. A iniciativa, que xa conta co apoio de Adega e as universidades galegas, a patronal turística da Costa da Morte, as confrarías do Pindo e Carnota e o grupo municipal do BNG, convenceu tamén os socialistas, que previamente se abstiveran no pleno no que se votara esta iniciativa.

O grande ausente na charla -que contou cunha conferencia do xeólogo Xosé Ramón Vidal Romaní- foi o alcalde de Carnota, o popular José Oreiro, ós que o colectivo convidou ata en tres ocasións para poder lograr un consenso en torno a esta iniciativa. "O Monte Pindo é unha paraxe digna de ser protexida, sempre e cando sexa unha proposta que lle outorgue rendibilidade ós veciños e ó concello", asegurou onte a este xornal o propio Oreiro, quen non ve este interese tras a iniciativa Monte Pindo Parque Natural, que ve como unha proposta "interesada e partidista". O alcalde afirma que, a día de hoxe, o Pindo está proporcionando "máis gastos e digustos que beneficios", como evidencia os constantes operativos que deben poñerse en marcha para rescatar persoas perdidas. Por iso, Oreiro pide poñer en valor o Pindo de tal forma que poida proporcionar postos de traballo á xente da zona. Proba diso son os contactos do concello coa dirección xeral da Natureza e o Ministerio de Medio Ambiente para definir unha actuación que máis beneficie á comarca. "Dende o concello non estamos parados. Queremos que o Pindo se poña en valor e sexa un referente cultural, paisaxístico e natural, pero tamén económico porque a vida contemplativa non dá de comer", engade o alcalde.

Fronte a esta postura, dende o colectivo veciñal recordan que a declaración de parque natural é a opción máis axeitada para o Pindo, por ser unha figura de dinamización que permite desenvolver actividades económicas no espazo protexido. Así, manteríanse as actidades actuais como as canteiras de granito -que quedarían fóra do parque-, así como o aproveitamento de piñeiros que se realiza en Caldebarcos e a presenza de cabalos. "A declaración do Pindo como parque natural só traerá beneficios ambientais e económicos para toda a Costa da Morte", conclúe Martiño Fiz, integrante de Adega.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS