Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 26.08.2016 Actualizado 13:24
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CARTAS BOCA ARRIBA

Carta boca arriba á concellería de Cultura da Coruña

DIANA VARELA PUÑAL  | 20.03.2012 
A- A+

Ante as declaracións verquidas polo alcalde da Coruña, o señor Carlos Negreira, afirmando que é "o desexo do Goberno municipal apostar pola pluralidade lingüística e cultural como unha oportunidade para os coruñeses", paréceme oportuno transcribir de xeito literal, con todo o que iso implica, dada a premura coa que foi redactada e os excesos propios de todo texto sen repouso, a carta que reenviei á Concellería de Cultura da Coruña, en resposta á súa programación cultural, que todas as semanas viñan enviando por correo electrónico:

Prezados Sres.:

Tendo agardado un tempo prudencial para cerciorarme de que non se trataba dun erro ou dun despiste, observo que mandan vostedes, en dous correos diferentes e sucesivos, a programación cultural. 

E podo concluir asemade, que se ben nas primeiras semanas de vida desta nova concellería,  un dos correos estaba escrito en español e o outro en galego, en pouco tempo esqueceron vostedes esta práctica, contra a que nada tiña que obxectar, para proceder a enviar os dous correos en español.

Lonxe de pasar desapercibido, este novo método, á xente que consideramos a cultura un tema moi serio e básico para o desenvolvemento dunha sociedade digna e cun sistema de valores propio,  parécenos unha tomadura de pelo.

Máis aló de diferencias ideolóxicas, a cultura debe abranguer e representar a tod@s aquel@s que poidan aportar algo con valor artístico á sociedade, e non ser, comportarse, nin tratarse, como un pasatempo frívolo e prescindible.

Sendo Galicia como é, un país de longa e recoñecida traxectoria artística e literaria, todos os que a conformamos merecemos un respecto, e eso é incompatible con prescindir da súa lingua propia. O único rei ó que chamaron Sabio, así o deixou escrito.

Por todo o cal, de non modificaren a práctica de elaborar e mandar a programación cultural únicamente en español, esquecendo a unha parte fundamental dos artistas que amamos e vivimos comprometidos con Galicia, prégolles que deixen de enviarme máis nada, todo elo dito con profundo respecto e mágoa. Pois insisto, creo, sinceiramente, que a cultura a todos nos pertence, e ninguén ten dereito a utilizala con fins exclusivamente propios ou espúreos.

Recollendo o fío co que comecei o artigo, a carta paréceme acaída a estas esperanzadoras declaracións do alcalde coruñés, malia a pedantería propia de toda autocita, pois deduzo que en breve estarán mandando a súa programación facendo uso da pluralidade lingüística pola que parecen apostar. A pesar das declaracións do alcalde, o certo é que, a día de hoxe, a miña asumible petición índa non obtivo resposta, fóra de deixarme de mandar, agora nin en español nin en galego, a súa programación cultural. Confío en que a demora se deba a que están ocupándose de traducila, e que, en breve, poida escribir outro artigo dando testemuña, en primeira persoa, de que os políticos, ás veces, non falan por falar.

Diana Varela Puñal

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS