Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 22.07.2019 Actualizado 23:12
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Carvalho Calero será ratificado como homenaxeado nas Letras Galegas 2020, proposto por dous grupos de académicos

Defensores da candidatura do ferrolán critican que se utilice a súa figura para tentar "botar terra" sobre o proceder dos últimos anos

SANTIAGO. EP  | 18.06.2019 
A- A+

Ricardo Carballo Calero, tamén coñecido como Carvalho Calero, será homenaxeado na conmemoración das Letras Galegas do próximo ano. A falta de ratificarse no pleno da Real Academia Galega, que se celebrará en breve, de momento existen dúas propostas impulsadas por grupos diferentes de académicos en apoio á figura do ferrolán para ser o protagonista do 17 de maio.

Segundo trasladaron a Europa Press fontes consultadas, unha destas propostas conta co apoio duns trece académicos, entre eles a actual executiva da institución, mentres que outra está impulsada polos membros do plenario que levan seis anos presentando a candidatura de Carballo Calero e defendendo a súa importancia como personalidade literaria digna desta homenaxe.

Precisamente, este grupo de académicos trasladou certo malestar por este xiro da dirección da Academia, que interpretaron como un intento de desviar a atención sobre a exclusión do intelectual ferrolán da homenaxe das Letras nos últimos anos.

Esta situación levou a este colectivo a facer público un comunicado para divulgar o seu punto de vista sobre esta cuestión, asinado polos académicos Francisco Fernández Rei, Manuel González González, Chus Pato, Xosé Luís Axeitos Agrelo, Euloxio Rodríguez Ruibal, Manuel Rivas Barrós e Xosé Luís Regueira Fernández.

"Fontes da Academia referíronse publicamente ás dúas propostas como a 'minoritaria' e 'maioritaria'. En realidade son, por unha banda, a proposta que se fai por sexto ano consecutivo; e por outra o proposta froito da presión externa e interna, que ten como finalidade principal impedir que un grupo de académicos leven o mérito de presentar a Carballo por criticar o rumbo que lle imprime á RAG a súa actual Executiva", denuncian.

Ademais de reprochar que se usase a figura de Antonio Fraguas, cuxos méritos "son innegables", coa intención de "seguir postergando e marxinando" ao ferrolán desta efeméride, este grupo de académicos manifestou que entre os promotores da proposta 'maioritaria' atópase algún membro do plenario que "se opuxo radical e combativamente" á elección de Carballo Calero e que "hai só un ano" consideraba que "sería un atentado contra a lingua galega".

"INMENSO TRABALLO" GALEGUISTA
Os promotores deste comunicado celebran, a pesar diso, que "por fin Ricardo Carballo Calero teña o xusto e merecido Día das Letras Galegas" e non cuestionan "en absoluto" a "legalidade" da proposta alternativa a favor da figura do ferrolán.

Así, reivindicaron o "inmenso traballo" de Carballo Calero como "crítico, ensaísta e creador literario", e tamén por encarnar os valores do "antifascismo e o galeguismo". "Somos conscientes da opción reintegracionista que defendeu Carballo desde mediados da década de 1970, pero consideramos que a Academia non debe temer o debate normativo", sinalan.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS