Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
O 94,5 por cento da enerxía eléctrica consumida en Galicia durante o pasado 2010 procedeu de fonte renovables, segundo os datos dun estudo elaborado polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Consellería de Economía e Industria.
Nun comunicado, o departamento que dirixe Javier Guerra explicou que esta cifra supón "multiplicar case por cinco" o obxectivo marcado pola Unión Europea (UE) para ese mesmo ano, que se situaba no 21 por cento.
Estes datos, como sinalou a Xunta, tamén "duplican" a media de España en 2010", que se situou nun 40,4 por cento. Así, Galicia roza, "case cinco anos antes", o obxectivo para 2015 da Xunta, que traballa para que nese ano "o 95 por cento" da electricidade consumida na Comunidade galega proceda de enerxías renovables".
Economía e Industria asegurou que o fomento das enerxías renovables é un do "eixos da política enerxética" desenvolvida pola Xunta, que se fundamenta tamén no impulso do aforro e da eficiencia enerxética así como na diversificación das fontes.
ENERXÍA PRIMARIA
Precisamente, dentro desta aposta enmárcase a posta en marcha do Plan Rexurde, en virtude do cal se sacaron a concurso 2.325 MW de enerxía eólica e que avanza para que en 2012 a potencia autorizada en Galicia alcance os 6.500 MW", lembrou a Administración galega.
Por último, a Xunta indicou que esta posición de liderado de Galicia tamén se reflicte no consumo de enerxía primaria que, segundo os datos do Inega, alcanzou na comunidade o 19,3 por cento, "superando amplamente" o obxectivo marcado por Europa para ese ano, situado nun 12 por cento.
