Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 22.11.2017 Actualizado 19:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Cataluña: cambio de paradigma

JOAQUIM VENTURA  | 08.11.2017 
A- A+

Cando a tranquilidade comeza a instalarse en Cataluña, a socioloxía evidencia que o problema independentista pasa a ser preocupación na opinión pública española. Velaí a última enquisa do CIS que, cun 29%, sitúa o conflito catalán como o segundo problema máis importante, por detrás do paro. Digo tranquilidade considerando a globalidade da situación, non polo miúdo, que está a provocar serias crispacións polo abuso da lei que ven de exercer o goberno de Rajoy ao destituír o goberno catalán (vulnerando o mandato estatutario, ergo constitucional) e ordenar á fiscalía dureza (prisión incondicional) contra os políticos que o formaban.

As performances de Puigdemont en Bruxelas e algunhas protestas (como o segundo “paro de país” convocado para o día en que escribo estas liñas) son as derradeiras burbullas da efervescencia independentista. Un “paro de país” convocado por un sindicato independentista minoritario, a Intersindical CSC, que ten aproximadamente un 0.42% dos delegados sindicais de Cataluña (o 5.56% de delegados de “outros” -é dicir os que non son CCOO, UGT, USO ou CGT nin candidaturas de non afiliados-, que sumaron un 7.61%).

Un sindicato, a CSC, cuxo secretario de organización é Carles Sastre, membro do fantasmagórico Exèrcit Popular Català (EPOCA), que en 1977 asasinou ao coñecido empresario Josep Maria Bultó (fabricante das motos Bultaco e presidente da química Cros). Amnistiado por esta acción, Sastre fuxiu a Francia despois de ser acusado da morte de Joaquim Viola Sauret (alcalde de Barcelona entre 1975 e 1976) e da súa muller, Dolors Tarragona, tamén por sendas bombas adheridas ao peito. Detido en 1985, naquel ano foi condenado pola morte de Bultó -e absolto por falla de probas das do matrimonio Viola-Tarragona- e en 1987 por pertenza a banda armada. Saiu da cadea en 1996.

Volvendo á convocatoria de folga xeral, esta foi presentada pola CSC o 19 de outubro para exercela entre o 30 de outubro e o 9 de novembro (finalmente, o día 8), fronte á cal –sen considerar a condición do convocador nin a amplitude do período- os servizos mínimos foron ditados de inmediato (26 de outubro) pola consellera Dolors Bassas (destituída o día seguinte) e publicados oportunamente no BOE (28 de outubro). Servizos mínimos que aseguran prestacións (non limitación) pero que as empresas de transporte público veñen de ignorar ao establecer a normalidade de horarios pola nula representación que nelas teñen os convocadores.

Todo isto non nega a necesidade da mobilización social en protesta pola actuación de goberno de Rajoy e as consecuencias da aplicación (esaxerada) do artigo 155 da Constitución, nin do Fiscalía Xeral do Estado perante a Audiencia Nacional. Pero estas protestas non deixan de ter unha certa dimensión retórica cando os partidos cataláns, incluídos os independentistas, están a preparar a súa participación nas eleccións do vindeiro 21 de decembro.

Unha participación que ignora o chamamento feito por Carles Puigdemont en Bruxelas postulándose para encabezar unha lista unitaria dos independentistas (e de paso, salvar a cabeza e camuflar a crise do seu partido). Comezando por ERC, que puxo unhas condicións imposibles (o PDeCat e a CUP na mesma lista!!!) que disimulaban o que podería ser tomado por sectarismo, é dicir ir con lista propia para gañar as eleccións. Reafírmome no que escribín aquí semanas atrás: ERC empurrou ao PDeCat ata que este caeu ao precipicio do desgaste. Velaí ese 10% xusto dos votos que lle dá a enquisa máis recente. Porcentaxe que podería diminuír se Santi Vila, ex alcalde de Figueres e antigo conseller, presenta unha plataforma a prol dun catalanismo pragmático.

O que case ninguén quere ou sabe adiviñar é que a partir das eleccións vai trocar o paradigma. Aqueles que desde Barcelona ou desde Madrid seguen a sumar deputados que conformarían unha maioría independentista, equivocan o diagnóstico. Tal suma é imposible porque o camiño independentista está queimado (non sería necesaria unha segunda aplicación do 155). A alternativa, a única alternativa viable, é o pragmatismo de uns e de outros de cara a abordar un novo encaixe de Cataluña no edificio constitucional. E para iso, haberá que arbitrar unha nova maioría parlamentaria: todo apunta á que encabezada por ERC, formarían Catalunya en Comú e (previas doses de “esquezomina”) o PSC. E o PdeCat (a este, nin auga) na oposición, sen que os seus votos sumen coa bancada hooligan de PP e Cs.

Máis impulsar un novo encaixe non se pode facer así como así e por diversas razóns. Unha delas, porque a proposta federal do PSOE é inviable. Non xa porque ninguén se imaxina a Rioxa ou Cantabria como estados federados (clamor cero nese senso) senón porque abrir tal melón supoñería desfacer o confederalismo fiscal vasco e navarro, circunstancia –esta si- que abriría a caixa dos tronos.

Con todo, polo de agora quedan no ar dúas preguntas. A primeira: ¿sería malversación o gasto de 100 millóns de euros que ata o día de hoxe custou a presenza de membros do CNP e da GC en Cataluña? (total, a súa infeliz intervención apenas durou tres horas). E a segunda: se o goberno de Rajoy tiña as ferramentas políticas e xurídicas para anular a aventura independentista, ¿por que facilitou cun decreto urxente que moitas empresas catalás puidesen trasladar a sede social sen acordo expreso de cadanseu consello de administración? A esta pregunta, polo menos, tentaremos responder nos próximos días.  

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS