Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 24.11.2017 Actualizado 18:59
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Catalunya, un antes e un despois

MANUEL MERA  | 13.09.2017 
A- A+

O conflito histórico catalán, e o das outras nacionalidades periféricas, dáse en todos os ámbitos, aínda que neste intre, son o institucional e o xudicial os que están máis presentes nos medios de comunicación. Isto é así, como consecuencia de o Estado querer evitar como sexa a realización do referendo de autodeterminación en Catalunya. E para impedilo, utiliza como ariete o poder xudicial, malia que se trate dunha cuestión esencialmente política e de dereitos colectivos. Con este obxectivo, sacralízase a Constitución Española, facendo dela unha lectura regresiva e restritiva cando se trata de responder aos intereses das nacionalidades históricas e das clases populares. Unha postura que contrasta coa elasticidade coa que se admite a cesión á Unión Europea, de competencias estatais e das comunidades, ou coa que se realizan modificacións lexislativas coa finalidade de beneficiar as corporacións empresariais e as grandes fortunas.

Que máis democrático que resolver as diferenzas votando, e que sexan os directamente afectados os que decidan? Non será que o Estado ten medo de perder o referendo en Catalunya, aínda que algunhas enquisas anuncien o contrario? Non será que se quere evitar un antecedente que sirva como exemplo ás outras nacionalidades historicamente dependentes que integran o Estado español? Hai quen argumenta que, en todo caso, esta cuestión debe ser decidida por todas as nacionalidades e autonomías que integran o Estado. Mais tendo en consideración a dimensión das nacionalidades periféricas, estas sempre estarían en minoría. Esquécese o fundamental: é cada unha delas a que debe decidir seu propio futuro. A unidade só debe ser voluntaria, sen coaccións nen mecanismos de presión, represivos, económicos, políticos ou de calquera outro tipo. Onde están a democracia, a liberdade, cando a unidade non se pode cuestionar en calquera momento por calquera das partes?

Non axuda ren a unha unidade entre iguais que se manteña inamovíbel a folla de ruta que no 78 consagrou unha limitada descentralización administrativa, negando un estado confederal como pedían as nacionalidades. Un Estado das Autonomías que foi perdendo contido. Primeiro coa LOAPA imposta vía golpe militar. E a entrada na Unión Europea despois, á que se lle transferiron competencias das autonomías e do Estado. Neste último caso, sen que a dereita nen a socialdemocracia liberal, negadoras da cuestión nacional, se sentisen afectadas no seu patriotismo español. Por se non abondase, as modificacións lexislativas e as medidas tomadas por sucesivos gobernos deron pulo á centralización e á concentración da riqueza e do poder. Como era lóxico, este proceso alargouse para alén do económico, a ámbitos como o cultural e lingüístico, sen que a autonomía servise como marco protector para defender a identidade e os intereses económicos particulares, cada vez máis subordinados na cadea de valor (especialmente na Galiza).

Ninguén sabe o que vai suceder exactamente o 1 de outubro. Concretamente, ate que punto as medidas xudiciais e policiais non permitirán que os/as que o desexen podan votar. Nen ate onde chegarán as sancións, despedimentos, imputacións, condenas e prisións de cargos políticos e persoas que participan na organización do referendo. Tampouco sabemos se as medidas coactivas implicarán a intervención de concellos e de institucións da autonomía. Do que si podemos estar seguros, é de que o Goberno central, co apoio entusiasta de Ciudadanos e con aire de culpabilidade, do PSOE, abriron unha fenda coa maioría do pobo catalán, dado que entre un 65-70%, segundo as enquisas, estaba a prol de que se celebrase o referendo. E esta ferida non se cura con palabras (haxa ou non, independencia inmediata), máxime cando os días previos utilizouse tanta artillería pesada. Tamén no resto do Estado español, especialmente nas nacionalidades históricas, estes acontecementos terán unha lectura distinta nunha segunda fase. Máxime cando é tan difícil agochar o carácter político das medidas represivas, por máis que se disfracen como delitos comúns. No fondo segue vixente a consigna fascista de: “máis vale unha España “roja” que rota”.

Tampouco se pode ignorar, porque ten valor político e ideolóxico, especialmente para a esquerda e as clases populares, que a gran patronal, as corporacións foráneas, e as grandes potencias, colocáronse sen fisuras do lado do Goberno central, negando o dereito de autodeterminación. Chama a atención, porque a legalidade constitucional carecía de importancia en Kosovo, ou cando se derrocou o goberno de Ucraína. Canta dobre moral!!! En realidade, o que conta para os donos do poder, é que en Bruxelas, cando se reúnen para decidir a división da torta, sexan o menor número posíbel a repartir, e conseguir a maior porción de vantaxes en función do PIB que cada un aporte. E neste aspecto, non é o mesmo con, que sen Cataluña. O da solidariedade, liberdade, dignidade, dereitos, vale para os discursos. Despois todo se resume na correlación de forzas, na capacidade para se defender, para esixir. Será así ate que non se cambie este sistema económico e social depredador. E neste aspecto, para alén das virtudes e dos defectos do proceso e os suxeitos políticos que o dirixen, que se conquiste a capacidade das nacionalidades para decidir, sería un gran paso adiante.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS