Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
Un vello refrán asegura que non cómpre comer todo o pastel para saber se o cociñeiro é bó. Polo mesmo, tampouco parece preciso agardar os consabidos cen días para coñecer por onde van ir os tiros do Goberno de Rajoy. Teño para mín que neste pouco tempo que leva na Moncloa xa comezou a defraudar aos seus. Porque dubido moito que os votantes do Partido Popular vexan con bos ollos o achegamento a Convergencia i Unió logo das diferenzas “insalvables” dos últimos anos. Rajoy aprendeu do agora idolatrado Fraga e funciona cos seus principios, que se resumen nun. Todo vale en tanto me beneficie. Xa saben: “nada vida nada é para sempre”. E moito menos a devaluada palabra dun político español.
Rajoy non quere aprobar en solitario as duras reformas que nos impoñen por igual a dura realidade e a cobiza dos amos de Angela Merkel. Seica precisa o apoio de CiU para darlle máis “lexitimidade” ás súas medidas. Agradézolle a lección porque eu sempre pensei que nunha democracia a lexitimidade viña do voto dos cidadáns. Pero trabucábame. Agora sei que ven de CiU. O prístino partido que só tiña como problema aquel nebuloso 3 por cento do que nunca máis se soubo. Rajoy vainos colocar de novo nas mans do partido máis conservador, xunto co PNV, do arco parlamentario. E como queira que Cataluña está endebedada ata o inimaginable, ¿imaxinan o que nos vai custar ese apoio? Así que todos xuntiños imos botar unha vez máis terra enriba da corrupción case institucionalizada que atenaza a Cataluña dende hai décadas. E teremos que aturar de novo o seu burdo discurso victimista. Non me estrana que o ex Presidente Aznar, tan inoportuno e famento de protagonismo coma sempre, pedise firmeza e convicción. Por unha vez ten razón o amigo de por os pés enriba da mesa. Non hai nada peor ca un Goberno sen ideas. Seica non abondou co desnortado Zapatero.
A inoperancia en cuestións claves déixase notar xa demasiado. Os bancos sobreviven grazas ao diñeiro público, que tivo que acudir a rescatalos da nefanda xestión dos seus executivos. Pero o Goberno, malia todo o que se dixo sobre as xubilacións destes avispados profesionais, vai permitir que Francisco Luzón deixe o Santander cunha pensión de 56 millóns de euros. Ignoro qué hai que facer nunha empresa para merecer tal pago. Tal vez expulsar das súas vivendas aos milleiros de cidadáns que non poden pagar a hipoteca. Ou estrangular o dinamismo económico do país a base de quedar cos cartos para presentar beneficios record ao tempo que se impide que o capital flua. Pero Rajoy e a súa muchachada mirarán para outra parte. Coma sempre.
A crise empobrece cada día máis á clase traballadora, ata o punto de que xa hai cidadáns que están na raia malia teren un emprego. Básicamente os milleiros de mozos que perciben salarios de miseria a cambio dun horario que nunca lles permitirá formar unha familia nin acceder a unha vivenda. Mentres, as petroleiras seguen enriquecéndose. Todas teñen prezos estratosféricos case calcados mentres a Comisión Nacional da Competencia non está nin se agarda que chegue. Non sei cal é agora a excusa. Porque non hai guerras e hai máis petróleo ca nunca. Debe ser que xa non precisan nin sequera inventarse unha estupidez para nos convencer do inevitable das súas fortunas. ¡País!
