Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 14.09.2019 Actualizado 15:12
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Celeridade helena, parsimonia hispana

XOSÉ A. GACIÑO  | 12.07.2019 
A- A+

Cando o candidato do partido conservador Nova Democracia, Kyriakos Mitsotakis, tomou posesión como primeiro ministro de Grecia o luns 8 de xullo pola mañá (ao día seguinte das eleccións), en España tiñan pasado setenta e un días (máis de dous meses) desde as nosas eleccións xerais sen que aínda se celebrase a sesión de investidura do presidente do goberno (convocada para o 22 de xullo). Naturalmente, cada país ten as súas características políticas e as súas propias normas electorais para que se produzan diferenzas deste tipo, pero non deixa de sorprender o contraste entre o fulminante nomeamento do primeiro ministro grego e a parsimonia coa que se desenvolve o mesmo proceso en España (e iso sen contar coa posibilidade de que un bloqueo da investidura obrigue a celebrar novas eleccións, cousa que xa pasou no 2016 e pode volver pasar agora).

Hai dúas características principais no procedemento grego que fai posíbel esa rapidez. Para empezar, a prima á lista máis votada. Nova Democracia só conseguiu 108 escanos polos votos directos dos cidadáns, 22 escanos máis que a segunda lista, a de Syriza. Pero a lei electoral grega establece unha bonificación de cincuenta escanos máis para a primeira lista en votos, coa finalidade de reforzar a súa maioría parlamentaria. Así, con 158 escanos, Nova Democracia conta con maioría absoluta no Consello dos Helenos (que é como se denomina oficialmente o parlamento grego, formado por trescentos deputados). Esta bonificación, por certo, eliminouse na reforma da lei electoral aprobada hai tres anos pero non entrará en vigor até as próximas eleccións.

A segunda característica é que o primeiro ministro é nomeado directamente polo presidente da República, sen necesidade de investidura parlamentaria previa, e toma posesión inmediatamente, ante o presidente e ante o arcebispo de Atenas (Mitsotakis recuperou o ritual relixioso, que Alexis Tsipras eludira hai catro anos, e xurou respectar a Constitución coa man sobre a Biblia “no nome da santísima e indivisíbel Trindade”).

Quizais influído por esas facilidades para chegar á maioría absoluta e tomar posesión con celeridade, en España o presidente do Partido Popular, Pablo Casado, tras reunirse co candidato socialista, Pedro Sánchez, ao día seguinte do xuramento de Mitsotakis, declaraba que tamén en España se debería establecer unha prima semellante para a lista máis votada, unha suxestión que non é nova por parte do PP, pero que é a primeira vez que a din cando non son a lista máis votada. A dereita sempre mostrou os seus receos contra o sistema proporcional de adxudicación de escanos, aínda que a distribución provincial, que outorga unha sobrerrepresentación ás provincias menos poboadas, viña favorecendo ás dúas forzas principais, que normalmente mantiñan unha distancia importante en votos sobre as demais (coas excepcións vasca e catalá), unha circunstancia que está empezando a cambiar.

Non é cuestión de máis ou menos facilidades, de maior ou menor rapidez, para conformar maiorías parlamentarias e formar gobernos. A cuestión é que, co tempo necesario para non precipitarse pero tampouco eternizarse e bloquearse, os políticos traballen con rigor e transparencia (que non está rifada coa discreción negociadora) para superar o limbo político no que viven polo menos desde outubro do 2015. Que nos xustifiquen os bos salarios que cobran (ou que deixen de cobralos mentres non traballen).

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS