Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.09.2018 Actualizado 12:26
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Cen días de dificultades

XOSÉ A. GACIÑO  | 14.09.2018 
A- A+

Dimitir con 48 horas de atraso, mellor que non dimitir. Dixitalizar a tese doutoral para que todo o mundo teña acceso a ela aínda que sexa baixo presión, mellor que mantela oculta baixo sospeitas. Exhumar os restos do ditador dun monumento funerario que é patrimonio público con corenta anos de atraso, mellor que non exhumalos. E rectificar os erros, mellor que sostelos e non emendalos. O xogo da lectura positiva. Pasados os primeiros cen días do goberno de Pedro Sánchez, queda levantada a veda da crítica (algúns non gardaron nin dez minutos de veda) e tense xa unha mínima perspectiva das súas posibilidades e, sobre todo, das súas dificultades.

Foi brillante no seu arranque, con maioría de mulleres e varias figuras destacadas e competentes, que dispararon as expectativas electorais dos socialistas nas enquisas daqueles primeiros días, mesmo a pesar da dimisión dun ministro na primeira semana, tras divulgarse que fora condenado por fraude fiscal. Anuncios como a exhumación dos restos de Franco e medidas como o restablecemento da sanidade universal, xunto coa acollida entusiasta dun barco con inmigrantes rexeitado polo goberno italiano, deberon de contribuír ás expectativas entre o electorado progresista. Ao mesmo tempo, dábanse os primeiros pasos para o diálogo cos independentistas cataláns, que, de momento, non parecen demasiado receptivos e prefiren manter as mobilizacións na rúa.

Pero, xunto aos seus golpes de efecto, tamén tiveron os seus tropezos coa realidade. A maioría parlamentaria para botar a Rajoy non sempre é posíbel artellala para outras cuestións: a renovación do consello de administración de RTVE ou os retoques no teito de gasto público foron algunhas das mostras máis destacadas das limitacións parlamentarias deste goberno, moi especialmente na elaboración dos seus orzamentos, por moito que as negociacións con Podemos traten de dar unha imaxe de avance.

E logo está o capítulo de rectificacións, que xa se sabe iso de que rectificar é de sabios. Outra cousa é a cantidade e a calidade das rectificacións. No referente ao control da inmigración irregular, as rectificacións parecen ter máis de axustes á realidade e de intentar unha coordinación co resto da Unión Europea, pero non deixou de resultar chocante a diferencia de trato aos recollidos do Aquarius e aos que asaltaron a valla de Ceuta. As renuncias a un anunciado imposto á banca e á pretendida publicación da lista de indultados fiscais poden considerarse outro choque cos límites da realidade.

Outra cousa foron rectificacións como ás referentes ao apoio ao xuíz Llarenas (pola demanda interposta por Puigdemont e outros desde Bruxelas) ou á venta de bombas intelixentes a Arabia Saudí, que tiveron todo o aspecto de rectificacións forzadas polas protestas que xeraron, protestas que, no caso das bombas, non deixaban de rechiar: traballadores e representantes sindicais reivindicando practicamente que se vendesen bombas para manter os seus postos de traballo na construción de corvetas (a lóxica perversa da chantaxe dos postos de traballo).

Ao remate, e despois da súa segunda baixa ministerial, salpicada neste caso polo seu master da Universidade Rey Juan Carlos (houbo tamén unha directora xeral dimitida por meterlle un gol pola escuadra á súa ministra coa tramitación dun sindicato de prostitutas), o mesmo presidente do Goberno aparece tocado por insinuacións sobre a súa tese doutoral. En principio, non parecen moi consistentes pero, no vórtice mediático no que se ten convertido esta lexislatura, calquera sabe até onde pode chegar.

A saber cómo van saír as próximas enquisas, pero, a estas alturas, pode que Pedro Sánchez empece a arrepentirse de non ter cumprido -outra rectificación- o que anunciou inicialmente: convocar eleccións o antes posíbel.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS