Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 13.02.2020 Actualizado 10:19
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Centos de xubilados galegos protestan nas sete cidades para esixir a derrogación da reforma das pensións

Reclaman subir as pensións mínimas, que afectan en maior medida a Galicia, para conseguir unhas achegas "dignas"

Protesta de pensionistas en Santiago - FOTO: EUROPA PRESS
Protesta de pensionistas en Santiago - FOTO: EUROPA PRESS

SANTIAGO. EP  | 24.01.2020 
A- A+

Centos de xubilados galegos concentráronse este xoves nas sete cidades --convocados pola CIG-- para reclamar a derrogación da reforma das pensións realizadas polo PSOE e PP, á vez que se demandan achegas "dignas".

En Lugo, ante a sede da Seguridade Social, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, sinalou que unhas pensións "dignas" terían que ser de "1.200 euros", xa que deben "ser de igual contía que o Salario Mínimo Interprofesional, que de acordo á Carta Social Europea é o 60 por cento do salario medio".

En Galicia, máis da metade das pensións son inferiores a 706,6 euros, lonxe da media española. Mentres, a pensión media dunha muller galega é case 300 inferior á dun home.

A CIG pide, entre outras medidas, a fixación por lei das pensións mínimas iguais ao SMI e cunha revalorización anual igual que o IPC, como mínimo; así como unha xubilación ordinaria a partir dos 65 anos e voluntaria cando se teñan 35 anos cotizados (reais ou por aplicación de coeficientes reductores).

PROTESTA EN SANTIAGO
En Santiago, ao redor dun centenar de pensionistas concentráronse esta mañá de xoves na Praza do Toural cun cartaz co lema 'Mobilicémonos en defensa das nosas pensións'.

Os pensionistas protestaron con cánticos como: "Derrogación da reforma das pensións", 'Non faltan cartos, sobran ladróns' e 'E a culpa de quen é, do PSOE e do PP'.

En declaracións, o portavoz do colectivo de xubilados de Compostela da CIG, Xosé María Torres, Xepe, defendeu que para "haber unhas pensións dignas o primeiro que ten que haber son salarios dignos". "Por iso non é un tema unicamente dos xubilados", senón de "todos os traballadores".

A este respecto, chama a manter o sistema publico de pensións e que "sexa sustentable a medio e longo prazo". Pide que "se revarolicen, sobre todo, as pensións máis baixas", xa que "non chega con subir o IPC".

E é que di que están "relativamente contentos" coa subida do 0,9% deste ano, como o IPC, pero "cal é o problema? Pois que as pensións máis baixas subiron dous euros e medio, e iso non chega para nada".

XUBILACIÓN AOS 67 ANOS?
Sobre a posibilidade de que o novo Goberno aumente a idade de xubilación dous anos até os 67 anos, o portavoz dos xubilados de Compostela da CIG considera que "se houbese salarios dignos, manteríase o sistema con xubilacións aos 65 anos sen ningún problema", xa que "non é necesario que a xente traballe até os 67 anos".

"O que non é de recibo é que sectores como a banca estea a xubilar á xente con 50 anos, mándenos ao paro, e que a Seguridade Social teña que pagar o paro e que haxa prexubilacións encubertas", lamenta.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS